Reportaje | Expertos apostan por un galego de calidade para preservar a lingua

As institucións públicas deben promover un galego de calidade para preservar a nosa lingua. De non ser así, o idioma propio da comunidade corre un serio perigo no futuro. Esta é unha das principais conclusións que os expertos poñían onte de manifesto no curso de verán “Traballando na Calidade da Lingua”, organizado pola Universidade da Coruña (UDC) que se desenvolve en Carballo.
O profesor da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato insistiu en que se dende a vía institucional se desenvolve “un modelo máis auténtico” esta condición “pode ser unha garantía para que o galego sobreviva”. Destacou ademais, que dende o ámbito académico se debe predicar co exemplo, empregando tamén na fala o galego normativo máis difícil de utilizar noutros ámbitos da vida cotián polo resto das persoas.
“Eu son consciente dese rechazo que pode producir utilizar palabras como garfo, polbo..., pero se metemos tenedor, pulpo, bueno..., que, por exemplo para os meus veciños de Cances resulta máis auténtico que garfo ou polpo, logo xa non será galego, senón un castelán galeguizado”, aclarou Freixeiro Mato.
O profesor insistiu en que hai que “buscar a converxencia”, que pasa por usar un modelo de calidade que é o mesmo que “usar un modelo de lingua converxente co portugués e estábel fronte a presión do castelán”. Porque, segundo dixo, o dilema final será “ou se converxe co portugués ou se converxe co español”.
Pero, que entendemos por un galego de calidade? Para Freixeiro Mato será aquel que siga as normas gramaticais da lingua, que evite o uso de españolismos, prescindir dos “marcadores discursivos castelanizadores”, preservar na oralidade trazos fónicos propios ou “optar por escollas converxentes co portugués como xanela, computador, Galiza, posíbel...”, entre outras cousas.
O director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Xosé Luís Regueira, centrou o seu discurso na fonética e a “autenticidade lingüística”, con exemplos gráficos do mal que empregan o idioma galego a maioría dos representantes políticos.
Durante a xornada continuouse debatindo sobre a lingua galega nunha mesa redonda con Bieito Silva, Xoán Xosé Costa, Valentina Formoso e Susan Devesa, que falaron sobre o compromiso coa calidade da lingua no ámbito educativo.

Prestixio social
Pola súa banda, actores como César Cambeiro, Luís Iglesia e Esther Carrodeguas e a xornalista debateron noutra mesa redonda sobre a calidade da lingua na televisión e no teatro.
Na inauguración do curso estuveron o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García; o reitor da UDC, Julio Abalde; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística desta Universidade, Marisol Ríos; a presidenta da Coordinadora de Traballadores da Lingua, Anxos Sobriño, e o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei.
No seu discurso Valentín García tamén fixo fincapé na “importancia e na necesidade de potenciarmos o uso dunha lingua de calidade que redunde directamente na vitalidade e no prestixio social do idioma”, mentras que reitor coruñés insistiu en que “a normalización da lingua” debe ser un dos obxectivos fundamentais da súa Universidade.
Para o rexedor carballés “un exemplo de dignidade e de extensión da nosa identidade e humor” foi Carlos, O Xestal, polo que aproveitou para renderlle unha pequena homenaxe. Ferrero tamén eloxiou o traballo realizado polo responsable de Normalización Lingüística, Nel Vidal. l

Reportaje | Expertos apostan por un galego de calidade para preservar a lingua

Te puede interesar