O xogo, a diversión e a rebeldía fundamentan a infancia teatral de Rosalía de Castro

O xogo, a diversión e a rebeldía fundamentan a infancia teatral de Rosalía de Castro
Un momento dos ensaios de “Rosalía” | elefarte

Unha rapaza intrépida, divertida e namorada das palabras é a versión de Rosalía de Castro que se presentará hoxe no teatro Colón na obra “Rosalía” que dirixe Fina Calleja e que conta cun elenco conformado por Cris Collazo e Rocío González. Trátase dunha peza dramática que achega a figura dunha Rosalía nena, coma o resto de rapaces e rapazas da época, pero que xa apuntaba maneiras do que escribiría na súa madurez.

“Ten o seu punto de rebeldía ante a imposición do mundo adulto e é moi consciente de ese entorno que a rodea, da realidade social”, explica a directora, Fina Calleja. Esa mirada do que acontece ao seu redor é o punto do que “nace a súa conciencia, o seu modo de ver ás mulleres, como observa e ama a paisaxe e como ve as desigualdades, dende unha mirada propia e lima”, comenta Calleja. Todo isto se reflectirá no futuro en pezas como “Cantares Galegos”, que é a base desta peza teatral.

A obra está adicada, especialmente, a un público máis novo e familiar, polo que racha con ese estereotipo dunha Rosalía máis seria e a centra nos xogos que a divertían de nena. A palabra, a poesía, o xogo con ambos, coma os trabalinguas, “están moi presentes”, tanto na súa infancia coma na peza, “aínda que logo esvaécese, pero pervive neste espectáculo”.

Trátase dunha peza adicada a un público infantil e familiar, que trata de rachar con estereotipos da poetisa, como a súa seriedade, pero que tamén se aproxima ao seu sentir social

A infancia de Rosalía é, quizais, a etapa vital da autora que menos coñecemos e da qua existe unha menor cantidade de documentación. Por iso, para a creación desta peza, foi fundamental a “intensa pescuda” de Nate Borrajo, autora da obra. “Hai moi pouco documentado, e do pouco que existe, hai moitas cousas contradictorias”, sinala Calleja. “O que si tiñamos certo é que había que rescatar a figura da nai, que si está presente na súa infancia, dun xeito constante, e iso si que está documentado, desmitificala, atrevernos a desprendernos dese debate que hai entre os estudosos, para rescatar aqueles valores que nos parecían importantes na vida de Rosalía e subliñar a súa enorme categoría literaria”, subliña a directora.

 

Composición

Fina Calleja comenta que a conexión coas dúas actrices foi case instantánea. “Nunca traballaramos xuntas, pero o primeiro punto foi traballar dende o xogo”, di, antes de engadir que o que ela buscaba nesta obra era traballar a poesía “dende o ritmo, dende a musicalidade, dende o xogo, a plasticidade... e foi iso unha parte moi importante da exploración da peza”.

Este fin de semana é a estrea oficial da obra, e o Colón exercerá como lugar de cerimonias, pero a peza xa contou cun par de "probas" ante público de centros escolares. "Importábanos moito establecer esa conexión cos rapaces e nos sorprendeu moito porque o deseño estaba enfocado cara rapaces de oito e nove anos, pero chama a atención que hai nenos máis pequenos que se achegan e lles encanta”, explica asombrada Calleja.

O xogo e o dinamismo da peza son os factores fundamentais que achegan aos máis pequenos,  que logo tratan de interesarse pola vida da autora, "é marabilloso que, ao rematar, unha nena veña e che pregunte cando imos realizar a segunda parte", explica entre risos Fina Calleja.

O xogo, a diversión e a rebeldía fundamentan a infancia teatral de Rosalía de Castro

Te puede interesar