Cando o presente se pinta ao lado de sucursais bancarias

Cando o presente se pinta ao lado de sucursais bancarias
El Ideal Gallego-2015-01-22-015-0d7e161e

Linda e Freddy son unha parella de artistas, pero poderían ser moitos outros, vítimas da crise. A piques de seren desafiuzados, sen luz e auga, os ilusionistas esperan a chamada do comodín que lles empurre ata arriba do piso menos un no que se atopan. Teatro do Noroeste regresa mañá cunha comedia revestida de drama e tenrura para bailar enriba do momento actual e tocar a fibra. Dos que están altos e non soltan lastre e dos que se afunden a pesar dos visos de recuperación que veñen anunciando.
“Linda and Freddy” representarase as oito e media do serán no teatro Colón como a última dunha serie na que a compañía leva a actualidade ás táboas. Di o autor e director, Eduardo Alonso, que leva case tres anos facéndoo. Colando a realidade por un embude, o da interpretación, para darlle unha perspectiva humana e poética. Humorística.
Aquí, o espectador atoparase con dous profesionais da maxia, que “empezan a buscar un truco que resolva o problema”. Dan con el, asegura Eduardo, e eles saen da situación xunto aos espectadores: “Os demais non sei”. O caso é que nesa casa en ruínas, Linda e Freddy escoitan na radio as palabras do presidente que informa de que se está traballando moito en saír do momento de recesión. Escóitanas varias veces ao longo da obra. É por iso que ademais de Luma Gómez e o propio Eduardo (Linda e Freddy), está tamén a voz de Lino Braxe facendo de locutor radiofónico e a de Alejandro Carro, imitando a Rajoy.
Mentres tanto, os dous falarán das boas épocas. Das xiras por Europa e dos aplausos. Para iso, contarán con escenografías e vestiarios que empregaban cando tiñan sona. E a sociedade valoraba a cultura.
A función de mañá será gravada co fin de presentala a concursos e despois de xirala por dentro e fóra de Galicia durante máis dun ano: “Estivemos en Andalucía e Aragón”. Agora que ten media vida, Teatro do Noroeste pensa en dar un xiro porque “espero que as cousas cambian como din”. Polo menos, engade Eduardo, haberá eleccións. Por iso, convida ao espectador a que pase e medite entre risas sobre algo que está a acontecer: “Nos telexornais sempre falan de que os ricos, aínda que con menos, son máis ricos e os pobres, máis pobres”. Nun texto que suma 16 na súa carreira, onde os intérpretes tiveron que aprender certos números complexos.
Haberá maxia no escenario. A que vén das cartas da baralla e incluso de trucos de escapismo nos que “un aparece en outro lado da sala”, pero tamén a dos protagonistas que xa van maiores. As súas cabezas non rexen igual ca antes: “Sáenlle mal os números e nunca o conseguen”. Para acadar un truco final e escapar do mapa. No que o presente píntase ao lado do diñeiro e dos bancos. Lonxe daquelo que chaman cultura e coñecemento.


lucrecia, cancelado
O teatro Colón anunciaba onte a suspensión do concerto que Lucrecia tiña previsto ofrecer o sábado e que non será posible por problemas de axenda. Desde o espazo lamentan as molestias e recordan que os interesados en pedir a devolución do importe das entradas terán que facelo pola mesma canle que as compraron.
O directo será substituido pola obra de teatro “O Furancho”, de Ibuprofeno Teatro e escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.

Cando o presente se pinta ao lado de sucursais bancarias

Te puede interesar