Reportaxe | Trinta anos, 36 producións e un compromiso inamovible coa lingua

Para o director Eduardo Alonso, “Imperial. Café cantante. Vigo 1936” foi moi especial
|

Eduardo Alonso non cre que haxa mellor broche que o que programarán hoxe e mañá no teatro Colón porque os seus 30 anos de historia se lembrarán no hall, onde se inaugurará unha exposición con fotos do que ocorre entre bambalinas, de carteis e traxes chamativos, de curiosidades coas que facerse unha idea do que maquinan os que teñen sede en Ames, pero disparan imaxinación a todo o país.
Pola tarde, Teatro do Noroeste demostrará o que mellor saben facer, dramaturxia que esta vez viaxará na obra “Estado de Graza. Epifanía da mala filla”, o penúltimo espectáculo de 36 totais porque nesa conta que chega a trinta, fixeron non so unha, senón dúas montaxes ao ano en tres ocasións.
Conta o director que de toda esa familia numerosa que pariron, quédase con dúas en formato musical: “Imperial. Café cantante. Vigo 1936”, de 2006 “polo gran formato e por ter a dez actores, cantantes e músicos” e “Glass city, inspirado o título na Coruña que vían os ingleses ao arribar, toda un fronte chea de cristaleiras e vai sobre como a cidade se convertía con Franco nos anos 50 na capital de España porque aquí se reunía cos ministros”.
Sobre o apoio da administración aos espectáculos, Alonso non ten queixa: “Unhas veces as axudas foron máis ca outras, pero sempre recibimos”. Aínda así, recorda a mala situación do teatro.
No seu caso, seguen o mesmo guión que cando comezaron. As liñas de traballo non cambiaron e “facemos obras universais dos Moliere ou Shakespeare” e de autores galegos contemporáneos como Suso de Toro ou Lino Braxe. Así foi que arrincaron con “Medea”, “pasado ao galego iso si, anosada” e continuaron con “Galicia SL”, unha produción de autores vivos, de Méndez Ferrín, Rivas ou Braxe, que aportaron diferentes sketches.

Sen parar
A cabeza non para e despois de celebrar, poñeranse a traballar nunha seguinte. Conta o dramaturgo que nos tres decenios, nunca se sentiron decepcionados por unha peza porque “se non te gusta, vas cambiando”.
Outra que destaca foi a de “‘Romeo e Xulieta’, moi especial xa que tiñamos a idea de actores moi novos e ao mesmo tempo moi ben preparados ao ser conflitos potentes”. O reto foi despexado cando pisou en calidade de profesor a escola de arte dramático de Vigo.
Alí atopou unha mina de actores, en concreto, once que contribuíron á ovación da cuarta parede.
Gustou tanto, conta Alonso, que cando chegaron con el a Viana do Castelo, “o director do centro de alí me dixo de montar un en portugués”.
E así o fixo. Se hai algo que caracteriza a Teatro do Noroeste é, sen dúbida, o compromiso coa lingua porque non se pode entender a Luma Gómez ou Imma António falando noutro idioma que non sexa o galego: “Nós vémolo como unha necesidade e unha forma de ser”.
E con esas, siguen e seguirán mañá sentándose a unha mesa redonda para debater o estado do teatro galego, falar do pasado e augurar un futuro. Abordarán o tema as intérpretes Viqui Pérez, Imma António e Luma Gómez, a escritora Inma López e a produtora Belén Pichel. De moderadora estará Eva Alonso.
Será ás 11.00 horas no mesmo escenario, “un teatro fermosísimo” para pasar ás 21.00 horas a outros dos momentos claves da festa, a estrea do documental “30 anos actuando: que non quiten o bailado!”, dirixido por Eva Alonso e producido por Chiripa. Unha mirada do que a compañía deu ao público en forma de país en movemento.

Reportaxe | Trinta anos, 36 producións e un compromiso inamovible coa lingua