O antigo cárcere acollerá o directo de Ultraqans e Loretta Martin en homenaxe a Pereiro

|

El Ideal Gallego-2011-05-06-017-c18259c6

m.g.m. > a coruña
  O antigo cárcere será un dos puntos que se unirán o día 12 ao concerto expansivo en homenaxe a Lois Pereiro, que se está a organizar tamén en Monforte, Sarria, Vigo, Lalín, Cangas, Carballo e París, á espera de que outros tantos concellos acaben de matizar as súas propostas.
Na cidade, serán os grupos Ultraqans e Loretta Martin os encargados de alzar a voz e recordar a un poeta que escolleu o galego como símbolo da modernidade. Ademais, tamén participarán os poetas Xulio López Valcárcel, Antía Otero e Cesáreo Sánchez, nun acto no que Xurxo Souto e Manuel Rivas serán os fíos condutores.
Comezará ás nove da noite e a entrada será libre ata completar o aforo. Deste xeito, a vella prisión estará aberta durante tres meses para acoller distintas actividades culturais nunha forma de comprobar como funcionaría de soporte no caso de convertela en plataforma para as artes.
Por outra parte, o encargado da páxina web www.loispereiro.blogaliza.org, Alfredo Ferreiro, contaba onte no Concello que son 35.000, os usuarios rexistrados e 70.000, as persoas que pasaron polo espazo, que pode ser unha fonte útil para os institutos e colexios, ademais dunha especie de corcho interactivo no que se anuncian as distintas citas en lembranza do escritor.
Desta maneira, están recollidos todos os traballos audiovisuais e as novas edicións de libros, xunto a improntas que teñen que ver con pintadas espontáneas e caricaturas, selos de correos e obras de teatro, roteiros e directos. En definitiva, Pereiro será recordado cantando, lendo e facendo festa, tal como a el lle gustaría que fose.

O antigo cárcere acollerá o directo de Ultraqans e Loretta Martin en homenaxe a Pereiro