A Deputación premiou aos mellores de 2015

A Deputación premiou aos mellores de 2015
Deporte Campeón-2016-02-27-032-1ef465f5

O deputado responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, José García Liñares, presidiu onte, na sala Juanjo Gallo da sede da institución provincial, a gala de entrega de premios aos gañadores do III Circuito Provincial de Carreiras Populares.
García Liñares destacou a importancia desta competición, que mobiliza a moitos dos clubes de atletismo da provincia e que durante o pasado ano reuniu a máis de 10.000 corredores nas 25 probas que se desenvolveron noutros tantos concellos da provincia entre os meses de maio e novembro de 2015. 
O acto, no que se premiou a un total de 84 deportistas nas diferentes categorías que van dende os bexamíns (menores de 10 anos) ata os veteranos (máis de 61), contou tamén coa asistencia de representantes da Federación Galega de Atletismo e de varios dos alcaldes dos municipios onde se celebraron as diversas probas puntuables para o circuito: Frades, O Pino, Dodro, Outes, Cerceda, Tordoia, Culleredo, Carballo, Cee, Ponteceso, Santiago, Ares, Mugardos, Cambre, Noia, A Pobra, Ferrol, Valdoviño, Cabana de Bergantiños, Ribeira, A Coruña, Sada, Ames, Rianxo e Negreira.
No podio de clubes absoluto masculino, o gañador foi o Clube de Atletismo Sar, cun total de 3.232 puntos, seguido do Club Noitebra de Santiago de Compostela (2.046), e do Comarca Coruña (1.502). Na categoría feminina, o gañador foi o Clube de Atletismo Sada (3.480) seguido do Atletismo Sar (1.469) e do Ría de Ferrol (877). 
Na categoría individual absoluta masculina, os gañadores foron Abdelkader Bouguerroudj (Sada), Javier Tourís (Comarca Coruña) e Amador Pena (Noitebra). Na categoría feminina recibiron os galardóns Eusebia Maldonado, Raquel Suárez (Ría de Ferrol) e Marianela Mayo (Atlético Sar).

A Deputación premiou aos mellores de 2015

Te puede interesar