Eli Ríos gaña a primeira convocatoria do premio Torrente Ballester en galego

Eli Ríos gaña a primeira convocatoria do premio Torrente Ballester en galego
Os membros do xurado reuníronse na Deputación javier alborés

Eli Ríos titulou o relato “Luns”, pero “Luns” vén seguido do martes, mércores e xoves e así ata a fin de semana que non é sinónimo de descanso cando unha ten o carné de madre. Precisamente diso fala a novela gañadora da primeira convocatoria da Deputación do premio Torrente Ballester en galego.
A súa saiu vencedora entre as 18 propostas finalistas. Dixeron os expertos que foi por Nere, a protagonista, un “personaxe feminino perfilado con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática”. Por iso, “Luns” é un berro, “un berro ben alto” nun momento actual, no que “todo queda moi bonito, pero ves cousas no patio do colexio” que a Eli lle fan pensar nun abismo como a separación que hai entre a vida da muller e a que debería de ser.
É o seu primeiro petisco na narrativa de adultos. Antes, Ríos escribiu para nenos e a piques está de presentar “Mulleres Bravas”, que son biografías femininas que quedaron ocultas na historia.
A autora confesa que do 100% que escribe, un 99,9% é reivindicación sobre os dereitos da muller e o un por cento restante, literatura. No que acaban de aupar co Torrente Ballester, Eli centra a súa loita na historia de Nere, “unha nai de 37 anos con dous fillos pequenos e unha vida normal, na que entra un elemento que a distorsiona: un diagnóstico de cancro”.
A partir de aquí, “ve as cousas doutra maneira, a súa realidade social e amorosa” e “parece que non podes estar enferma e tes que coidar igual dos teus, levar aos fillos á escola”.
Para darlle forma ao texto, Eli non tivo que coller apuntes de nada porque “a situación é tan frecuente e silenciada que nin sequera necesitas mirar”. Ríos cre que é unha realidade “á que non lle damos importancia, algo tan natural como que as probas médicas están feitas sobre a fisionomía do home, os tratamentos están probados en homes e todo isto o ves no día a día”. De aí que conclúa que a conciliación “é unha simple palabra”. As condicións laborais supoñen, para a autora, “deixarse a pel e o lombo” e por isto, a muller ocupa o groso da súa escrita.

nai e escritora
Eli Ríos non para. De feito, asegura que non sabía que o seu estaba entre os finalistas. É tamén nai, que aproveita que os fillos están en actividades extraescolares para coller papel e boli e seguir alimentando a súa afección: “Escribo en anacos perdidos porque me gusta contar as historias”.
A gañadora recibirá 25.000 euros, a maior contía dos certames convocados na literatura galega. O xurado encargado de emitir o veredicto estivo composto por Ramón Nicolás Rodríguez, Mercedes Queixas Zas, Eva Moreda, Ledicia Costas e Mario Regueira con Mercedes Fernández-Albalat de secretaria e Goretti Sanmartín de presidenta.
Os expertos valoraron na obra de Eli Ríos a súa “capacidade de reflexionar sobre as duras circunstancias que acontecen na súa vida, cunha perspectiva de xénero, tecnicamente innovadora, exposta nunha corrente de consciencia que conmove o público lector”.
A decisión tomouse por maioría despois dun prolongado debate entre dúas novelas finalistas. “Luns” foi elexida entre as 101 presentadas ao certame, unha cifra que duplica o ano que máis novelas en galego se presentaran ao Torrente Ballester, que foi en 2009 con 47.

Eli Ríos gaña a primeira convocatoria do premio Torrente Ballester en galego

Te puede interesar