Gaiteiros coruñeses tocaranlle a Rosalía polos 150 anos de “Cantares Gallegos”

Gaiteiros coruñeses tocaranlle a Rosalía polos 150 anos de “Cantares Gallegos”
a fundación rosalía anima a apuntarse na súa web pedro puig

Centos de “repoludos” gaiteiros tocarán mañá unha alborada nos distintos montes que inundan de verde Galicia e en homenaxe a quen hai 150 anos colleu a pluma para escribir “Cantares Gallegos”. Deste xeito, os músicos devolveranlle a Rosalía o xesto, da que nunca se cansou de metelos en versos e dignificar o instrumento do país que se vestirá de festa para a ocasión.

A Asociación de Gaiteiros Galegos convoca a todos os músicos solistas e grupos de música tradicionais a participar nun acto improvisado no que cada un poñerá a hora e o sitio. Para espallar o territorio de alboradas. Pequenos tributos melódicos cos que agasallar á que de seguro estaría moi orgullosa de escoitalos.

O colectivo, que organiza o acto xunto a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, convida aos intérpretes a tomar as rúas. A subirse ás fontes polas que chorou a poeta e a encher as pedras de música nunha iniciativa que inclúe un manifesto. O escrito fala de que “aquel 24 de febreiro de 1837 canda ela nacemos todos os galegos, mesmo os que aínda han de nacer”. Advirte que a obra que cumpre anos foi o comezo dunha Galicia contemporánea porque co seu verso “nace o país que somos”. Desde a institución sinalan que ela puxo tanto ou máis coidado en reproducir o espírito galego como os gaiteiros que deixan que ese sentimento “aniñe nos punteiros”. Para esparcilo nunha celebración como a de mañá e “que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta”.

 

citas

En A Coruña, a gaita soará ás 12.00 horas no monte de San Pedro a cargo do grupo Os Revirados de Oza. Media hora máis tarde, a formación Frouma situarase no roteiro da igrexa de Montrove e Dúbi Baamonde, en calidade de gaiteiro solista, acompañarase ás 11.30 horas da voz da cantante Cristina Regueiro para entoar aquelo de “vaite noite, vai fuxindo”. Ademais, os alumnos do IES Sardiñeira adiantaban o acto e interpretaban onte unha peza en honra á escritora. Os interesados en aumentar o mapa de alboradas, poderán apuntarse na web da Fundación Rosalía co obxectivo de que os galegos os teñan localizados. Desde o colectivo animan a que os músicos graven as súas pezas para facer un croquis musical do acontecemento.

No caso de Os Revirados de Oza, os cinco gaiteiros da agrupación elexiron San Pedro porque son moitas as veces que pasean o instrumento polo monte. Con vistas á Torre de Hércules e unha partitura metida na cabeza, os cinco tocarán a alborada “Antiga de Ourense” polo bonito da composición e porque a teñen moi matizada. E Rosalía ben merece que lle toquen algo con gran dominio da situación.

Para completar o evento, a institución rosaliana pon a disposición da xente as notas musicais da “Alborada” e a historia da melodía sacada dun artigo de Filgueira Valverde en 1966. Xunto ao seu significado. Onde se confirma que Rosalía sitúa o son da gaita nun primeiro plano para avisar de que vén un novo día. Un novo sol. Esperanza.

 

Gaiteiros coruñeses tocaranlle a Rosalía polos 150 anos de “Cantares Gallegos”

Te puede interesar