Follas Novas rescatará o 22 parte do patrimonio cantado no Rosalía

El Ideal Gallego-2011-05-12-013-dff3e076

  m.g.m. > a coruña

  O Teatro Rosalía acollerá o día 22 a estrea da peza “A’Espadela”, recuperada por Follas Novas para a ocasión, que conta coa música de Mauricio Farto e as letras de Leandro Carré, dúas figuras claves que afondan na tradición e nos cantares populares co fin de non perdelos.
Para iso, a coral completou as partituras cedidas por El Eco na Real Academia de Bellas Artes para presentar no auditorio unha obra composta de tres partes e cun título que fai referencia á ferramenta coa que se traballaba o liño. O espectador poderá coñecer nunha primeira parte chamada “Alborada” as pezas que cantaban os mozos cando ían para a festa e querían chamar a atención das mozas e adentrarse nunha segunda nos cantos que entoaban as palilleiras para rematar coas cancións que entraban en escena no momento en que as mulleres separaban a pranta da cana deixando libre a fibra.
Máis de sesenta cantores e unha orquestra traerán o campo á cidade para lembrar as tradicións da parte da Costa da Morte e que Mauricio Farto se encargou de musicar despois dun traballo importante de investigación. Contaba a concelleira María Xosé Bravo que a pesar de non ser galego, o autor exerceu como tal e foi un dos culpables de que hoxe se poidan escoitar. Son patrimonio igual que as catedrais e os faros romanos. Por iso, Follas Novas quere dar boa conta da riqueza cultural do país e levará a escena unha obra que ben podería pasar por “minizarzuela”. Neste aspecto, o vicesecretario, José Saavedra, falaba de que a música ten máis forza que as propias voces.
Os diálogos son os menos nunha representación para que os membros da coral irán vestidos de paisano. O representante explicaba que foi o actual presidente Luis Súarez quen tivo a iniciativa de traballar sobre “A’ Espadela” porque el participara nos ensaios dela hai sete décadas pero non puidera materializala en concerto por culpa de ter que alistarse para facer o servizo militar.
A peza foi estreada por vez primeira no ano 1924 no Rosalía e dez anos máis tarde, Follas Novas volvía a interpretala nun concerto do que aínda se conservan volantinas que animaban á xente a asistir. Foi en 1944 cando a formación El Eco quixo sacala de Galicia para expandir os seus cantos populares en Madrid.
Case setenta anos despois, Follas Novas abre o caixón para que as composicións que naceron cando había máis vida no agro que sobre o asfalto volvan a ser escoitadas. As entradas teñen un prezo de cinco euros co fin de colaborar co programa formativo que desenvolve o colectivo durante o ano.


 

Follas Novas rescatará o 22 parte do patrimonio cantado no Rosalía

Te puede interesar