“Coa nosa capacidade de diálogo poderemos chegar a acordos con todos os grupos municipais”

|

El Ideal Gallego-2011-06-05-006-5c073e65césar santiso c oncelleiro electo de esquerda unida

Dende o minuto un de campaña, César Santiso, candidato por aquel entón de Esquerda Unida a alcaldía, estaba convencido de que ían facer historia o 22-M coa entrada da formación por primera vez na corporación municipal. E así foi. Este funcionario da Deputación converteuse no primeiro concelleiro electo de EU en María Pita. “Pensábamos que íamos entrar dous”, sinala con certa mágoa por non poder ter exercido como chave de goberno. Agora esperanlle catro anos por diante nos que combinará a súa representación no Concello, co seu traballo como informático e a súa labor sindical en  CCOO, e nos que non descarta poñerse do lado do PP, se as súa medidas van a favor do colectivo que sempre está na súa mente: a veciñanza.

entrevista de patricia g. lema

Di que lle gusta traballar por obxectivos. “É como aos burros que lle poñen unha cenoria diante para que anden”, sinala Santiso. Para el, a súa “cenoira” é que os veciños vexan a EU como o partido que abriu María Pita á participación.
—Que balance fai das pasadas eleccións?
—Foi unha campaña moi dura e de moito traballo, pero, despois dese esforzo, acadar o éxito de entrar no Concello cura todo o sufrimento. Cremos que a veciñanza comprendeu que na Coruña si hai alternativa, e que se a campaña durase dez ou doce días máis houbésemos cuadriplicado os apoios.
—Satisfeito co resultado?
—Si, aínda que é unha situación “agridulce” porque por un puñado de votos perdemos o segundo concelleiro. Contabamos con ser chave de goberno e cunha maioría absoluta complícase moito o traballo. Pero estou convencido de que coa nosa capacidade de diálogo e coa nosa praxis diaria da política poderemos chegar a acordos con todos os grupos municipais en bastantes puntos.
—Pensa que lles colleu por sopresa esa maioría absoluta?
—Eu penso que si. Nós éramos conscientes de que ía haber un castigo duro, pero contábamos con que sacaran 13, polo que teñen que estar moi contentos.
—Influiu o 15-M na votación? Cree que, no caso concreto do seu partido, acabou por beneficiarlles?
—Non beneficiou. Nós saudamos o movemento porque conseguiron despertar conciencias. Pero, nos datos, consideramos que non, porque nese movemento plural había algúns que estaban pedindo o voto en branco ou nulo, que lonxe de castigar ao poder establecido, favoréceo, porque perxudica ás forzas minoritarias. Cremos que parte dese 6% de voto en branco era voto de xente da esquerda cansa da política.
El Ideal Gallego-2011-06-05-006-5c0a6f69—Os outros partidos falaban dun voto de castigo a nivel nacional. ¿Está de acordo con isto ou pensa que realmente a xente rexeitaba o que se estaba a facer na cidade?
—Unha parte do voto que levou o PP foi un voto de castigo pola mala xestión do bipartito. Pero, o que está claro, e que a veciñanza, en xeral, dábase conta de que nestes últimos anos desenvolvéronse unha serie de obras faraónicas coas que a maioría da xente non estaba de acordo. É normal, porque o que se lle pide a un goberno local é que esté cerca dos veciños e non se fixo.
—Que espera do novo goberno? Ten algunha idea formada do que vai pasar a partir de agora?
—Unha idea formada témola todos, pero, precisamente, co obxectivo de seguir manter un diálogo fluido e aberto con todas as forzas e evitar os “apriorismos”, todos os días tento borrala da cabeza e dicirme a min mesmo que hai que dar unha oportunidade. Porque se caemos nos “apriorismos” estamos caendo no sectarismo e nos mesmos problemas da anterior corporación, que nós rexeitamos rotundamento.
—Xa falou co alcalde electo, Carlos Negreira?
—Si, falei o mesmo día das eleccións, tanto con Xosé Manuel Carril como con Carlos Negreira. Tivemos contacto telefónico e felicitáronme os dous polo éxito acadado, xa que eles tamén entendían que era histórico para a nosa formación. E, por suposto, felicitámolos a ambos polos resultados acadados, e emplazámonos para traballar agora en prol da veciñanza.
—Con Javier Losada non tivo contacto?
—Non porque entendíamos que se supón que ao recién chegado deberían saír a porta a saudalo os que xa están na casa. Neste caso, na casa de todos, no Concello. O lóxico era que se fixese unha chamada dende os partidos nos que estaban, como así o entendero tanto o PP como o BNG. O PSOE non o fixo e agora entendo que non o fagan porque teñen bastante co seu. Pero o trato, por suposto, é correcto e cordial.
—Cal vai ser o seu papel na oposición?
—O de traballar para a veciñanza e demostrar que as institucións non somos todas iguais. Nós non nos vamos sentar na poltrona nin vamos caer no partidismo, senon que estaremos ao pé de rúa.  
—Que obxectivo se marca?
—Que os veciños nos vexan como unha forza válida, productiva e na que confiar. Se dentro de catro anos din que César Santiso foi o concelleiro que fixo ese traballo de participación e que loitou pola maioría social, o obxectivo está máis que conseguido.
—Que supón para o partido a entrada en María Pita?
—É algo moi importante. Primeiro porque a nós mediaticamente costábanos moito chegar, e agora vemos que xa non é así, que vamos transmitir moito mellor cara a veciñanza toda a política de EU. Por outra banda, ao estar dentro das institucións poderemos acceder a unha serie de información e de datos que doutra maneira non poderíamos ver.
—Ata o de agora daba a sensación de que EU aparecía só dous meses antes das eleccións e despois desaparecía durante catro anos ata os seguintes comicios...
—É algo que nos din moitas veces. Primeiro, a nivel do consello comarcal podémolo desmentir porque está funcionando e é algo fácil de ver. O que sucede e que moitas veces ese traballo queda na oscuridade dende o punto de vista de que nós non temos a capacidade mediática nin económica de transmitir. Dependemos da militancia e esta non pode estar catro anos traballando como se fai nunha campaña, polo que podíamos facer un momento de máximo esforzo dun mes, pero non durante catro anos.
—E o seu día a día, como vai cambiar?
—É outra carga máis ao lombo que teño que levar. A miña idea é non liberarme para coller unha dedicación exclusiva e seguir coa labor sindical. Gústame estar cos pés na terra, e a mellor maneira de facelo e estar no teu posto de traballo. Nun despacho en María Pita cada vez alónxaste máis da realidade e así acabas como acabau o goberno saínte, decindo unhas cousas que son inexplicables. Na campaña a meirande parte dos días durmíamos dúas horas, así que xa estamos acostumados ao traballo.
—Polo que di, o de durmir oito horas tampouco será desta...
—A verdade é que defendemos unha xornada laboral de 35 horas, e é unha eiva porque non estou a facer todo que debería. Así que outro obxectivo será devolverlle a miña familia o que lle quitei este tempo, aínda que non quero abandoar nada do que estou facendo porque todo me cubre como persoa. Ademais, considero que traballo coa suficiente coherencia e ética que podo facer unha cousa que moitos non poden: durmir como un rapaz.


El Ideal Gallego-2011-06-05-006-5c07bdd4“Nun pleno non vale levar escrito o texto, lelo, e logo xogar co móbil ou ver o xornal”

Foron escasas as ocasións nas que goberno e oposición conseguiron poñerse de acordo nas sesións plenarias dos últimos catro anos. Agora o concelleiro electo de Esquerda Unida chega disposto a darlle o seu voto favorable as propostas do Partido Popular, sempre e cando estas vaian a favor “da maioría social” dos coruñeses.
—Que opina do programa electoral do PP?
—Se cumpre o seu programa xa avanzaremos en moitas cousas, porque parte do mesmo é a favor da maioría social. Hai propostas como o plan de mobilidade ou o de austeridad que nós estamos a favor delas, aínda que con matices.
—A austeridade foi unha das bazas de Negreira durante a campaña.
—Nós propuxemos que se reducisen nun 75% os gastos en relacións públicas e protocolo. Que sentido ten que, coa crisis que estamos pasando, a clase política teña que facer actos de presentación aquí e aló? Nós fixemos unha campaña con 3.000 euros. Se estivésemos gobernando no Concello seríamos capaces de facer moitas cousas con poucos cartos porque é a nosa forma de funcionar.
—En que puntos do proxecto non están de acordo cos conservadores?
—Por exemplo, as últimas declaracións do líder do PP en relación co tema da memoria histórica foron desafortunadas. A lei está para cumprila, e se ten intención de deixala para máis adiante estamos ante un problema.
—Asistiu a algún pleno en María Pita?
—Levamos un ano asistindo practicamente a todos como público. Como xa pensábamos que íamos entrar na corporación, estabamonos preparando.
—Resultaralle difícil adaptarse a esa dinámica?
—Non porque xa tiñamos unha experiencia na administración pública, en especial nas local, gracias a labor sindical, polo que coñezo moi ben como hai que interpretar certos papeis e certas contas.
—Espera que cambie algo nesas sesións plenarias a patir de agora?
—Esperamos que cambien as formas e o fondo. Pensamos que, en política, non se pode chegar a un pleno cun argumentario ou un texto escrito da casa ou por un asesor, lelo e logo xogar co móbilo ou ler o xornal, que é o que víamos que acontecía. Os plenos teñen que ser un lugar de debate e a onde non pode chegar todo pechado. Se alguén non está preparado para poder debater, mellor que deixe ese cargo público a outra persoa .
—Por que modelo aposta?
—Apostamos por un modelo aberto, e no que non se presenten as mocións ante a badalada do peche de tempo porque logo non se poden estudiar. Avogaría por ter un debate previo ao pleno para tratar de chegar a un punto común. Moitas veces víamos que nas sesións se decía: “Isto é así, ou o tomas ou o deixas”. E esa non é maneira de facer as cousas.
—Estaría disposto a votar a favor dalgunha proposta do PP no pleno?
—Nós, de todos os partidos que presenten propostas no pleno, se esas propostas coinciden coa nosa idea de política e de cidade apoiarémolas sen fixarnos en que partido político as desenvolve. Pola mesma razón, as propostas que consideremos en contra da maioría social rexeitarémolas e seremos moi belixerantes con elas.
—Cales van ser as primeiras iniciativas que presenten?
—Hai varios puntos que queremos levar. Empezaremos por pedir un plan de austeridade. Tamén reclamaremos máis transparencia. Neste punto estamos a favor, tal e como sinalaban outras forzas políticas, de que se retransmitan os plenos en directos online por internet.
—Un dos asuntos sobre os que se terá que posicionar na vindeira lexislatura é o Plan Xeral. Que pensa que vai pasar con este documento?
—Entendemos que hai moitas cousas que están mal feitas polo bipartito que hai que cambiar, pero temos que facelo cuns criterios claros de eficacia e eficiencia. Non se pode tirar e volver a empezar as cousas de cero, algo moi típico dos partidos políticos cando chegan ao poder.
—Que cousas cree que están mal?
—A participación dos veciños é un dos asuntos que hai que resolver.
—Cal é a proposta que lle van trasladar aos populares?
—Nós propoñemos que se retome ese Plan Xeral, pero hai que darlle un tempo. Paralizar a parte burocrática-administrativa, ir un pouco cara atrás, que a xente participe e logo facer os cambios oportunos. Tamén é moi importante que ese plan e a mobilidade vaían unidos da man.

El Ideal Gallego-2011-06-05-006-5c0a114danálise os asuntos pendientes

“Estase a falar da Terceira Rolda como a gran solución, pero non o é”

Santiso incorpórase a nova corporación municipal con moitos asuntos pendientes da anterior lexislatura. Entre eles, a conclusión da Terceira Rolda e a incorporación da cidade no Consorcio das Mariñas.
—Beneficia que Xunta e Concello estén gobernados pola mesma cor política a hora de remar a Terceira Rolda?
—Non debería beneficiar porque, dende a teoría, debería existir unha lealtade instucional entre as administracións. Dende a praxis, por suposto que vai favorecer porque non existe esa lealtade institucional, algo que estamos a ver todos os días. Aínda así, a xente fala da Terceira Rolda como a gran solución, pero desgraciadamente non o é.
—Por que?
—Porque a realidade demóstranos que o abundamento de infraestruturas fomenta un maior uso do vehículo privado. Temos unha cidade bastante avanzada, e sin embargo temos un tráfico dun país casi subdsenvolvido. O que temos que pensar é en desenvolver as ferramentas necesarias para que a xente non empregue masivamente o coche.
—E a área metropolitana? Integrarase a cidade no Consorcio das Mariñas?
—A área metropolitana non avanza e iso é culpa do Concello. A Coruña, pola súa historia e pola súa economía, ten que funcionar como motor e coordinador da bisbarra. Pero iso tense que facer dende o diálogo.

“Coa nosa capacidade de diálogo poderemos chegar a acordos con todos os grupos municipais”