“Co disco apelamos á concordia dun país que é plurilingüístico e multicultural”

“Co disco apelamos á concordia dun país que é plurilingüístico e multicultural”
El Ideal Gallego-2016-01-03-013-03d8f5d7

Preséntase co número 16 nunha ristra discográfica que hoxe se detén para renderlle tributo a aqueles oídos de fóra que aprecian o noso. Luar na Lubre vístese de Valencia, Asturias e Euskadi para chamar á concordia. 

Por que “Extra Mundi? 
Chamámolo así, que en latín significa “mundo exterior”, porque máis do 80% dos nosos concertos son fóra. Galicia é un territorio limitado e non hai suficiente movemento como para xerar tantos directos así que o noso mundo é máis amplo. Está concebido como un agradecemento a todas as culturas onde imos tocar e onde nos sentimos tan ben acollidos. 

Que tipo de melodías escolleron para a homenaxe?
É música que non tocamos, aínda que entra dentro do folk pero das culturas catalana, do País Valenciá, Euskadi, Castela e Asturias. Tamén inclúe do intramundo, que é a música galega. Dámos lles a esas melodías unha perspectiva persoal, pero mantendo a esencia orixinal. Está por exemplo “El Rossinyol ” cantada por Serrat ou Nana Mouskouri.

Como pía o reiseñor da man de Luar na Lubre?
Soa a Luar na Lubre. Foi un reto importante meternos a versionar cancións cunha impronta sentimental tan grande. Ao coñecer ben este mundo, resultou máis fácil xa que se trata de músicas irmáns. O resultado pode ser atlántico, con toque noso. De Valencia collemos “Muixeranga”, unha canción moi coñecida tamén. E despois de 30 anos no escenario, quixemos facer este agasallo musical que xiraremos por parte do estado. 

Non vos deu vértigo?
Máis ca vértigo, tivemos un coidado extremo e moito respeto. No disco cantamos en catro idiomas, ademais do galego e para iso, tes que asesorarte ben e entender a música. Dese coñecemento, cómpre chequear a forma de facer e despois darlle a túa impronta. Tampouco podes quedarte á marxe e copiar. Tes que darlle o teu toque persoal. 

Como foi o resultado?
Desde a miña perspectiva e dos que as viven, creo que quedaron moi ben. Demos poucos concertos, pero en Tudela e O Vendrell impactou que un grupo galego versionara temas do seu repertorio. Con isto tamén apelamos á concordia nun país que é plurilingüístico e multicultural, polo que hai que respetar e preservar. É a nosa procura desde Galicia e facémolo á nosa maneira. Entendemos que hai unha riqueza desaproveitada e, en moitos dos casos, ignorada. 

Canto hai de “intramundo” no disco?
É o 60% do traballo. É o motivo polo que estamos así que as composicións propias inspíranse no intramundo e unha cousa da que nos sentimos orgullosos e poder contar para facelo coa coral A Ruada, de Ourense, que ten 98 anos. É a primeira vez que se plasma nun CD unha colaboración de grupo folk cunha polifónica. O resultado é óptimo porque dunha canción, acabaron sendo catro e Ruada estará tamén no Rosalía. 

Que recolleron de Asturias?
Dous temas que van seguidos, a balada “Onde vas por agua” e unha tonada de sidrería “Nel campu ñacen flores”. Son culturas moi coñecidas, pero parecemos que estamos de costas. Ocorre o mesmo con Portugal, co que habería que estar máis en contacto. Creo que somos os primeiros galegos en versionar unha canción asturiana. 

É importante darlle unha volta ao repertorio popular para que non se perda, non cre?
Se non se reinterpreta, córrese o risco de ir perdéndoo. Os tempos van cambiando e hai que darlle unha perspectiva máis moderna porque forma parte do noso patrimonio.

“Co disco apelamos á concordia dun país que é plurilingüístico e multicultural”

Te puede interesar