A Deputación instaura un novo premio teatral Manuel María para potenciar a súa obra

A Deputación instaura un novo premio teatral Manuel María para potenciar a súa obra
A sinatura formalizouse na sede da Deputación entre Sanmartín e a viúva e presidenta da súa fundación, Saleta Goi

A Deputación da Coruña e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos formalizaron onte un protocolo de programación polo que ambas institucións acordaron colaborar conxuntamente na difusión e posta en valor do legado teatral do escritor Manuel María. O convenio establece a futura convocatoria do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
Na sinatura estiveron a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, para confirmar sobre o papel unha iniciativa que ten por obxecto afondar e divulgar a grande cantidade de obras teatrais que deixou escritas Manuel María.
O documento asinado na sede da institución provincial, establece a creación do concurso que estará dirixido ás compañías profesionais do mundo do teatro e virá acompañado dunha recompensa económica de 2.000 euros. Nela, valorarase a mellor proposta escénica dalgunha das 36 pezas dramáticas que deixou escritas o autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2016 e que pouco se coñecen. Por iso, o organismo tratará así de levar ao gran público os títulos que cociñou o de Outeiro de Rei no seu maxín.
A vicepresidenta manifestou que esta novidade “permitirá á sociedade coñecer a grande capacidade que atesouraba Manuel María como dramaturgo” pois, engadiu, a “súa xenialidade como poeta deixou nun segundo plano a súa extraordinaria capacidade como escritor de teatro”. Seus son os “autos” da costureira, do mariñeiro ou do taberneiro xunto a “Barriga verde”, “Semente de dramón dos medios de comunicación”, “Abril de lume e ferro”, “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela” ou “Novo entremés famoso da pesca do río Miño”.
Mediante este protocolo, a institución provincial comprométese a promover unha programación teatral na que se incluirán até tres representacións da obra que resulte gañadora no Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, contribuíndo deste xeito á difusión da obra. Aínda que da Terra Chá, Manuel María elixiu A Coruña como cidade para vivir desde 1998. Famosas foron as súas tertulias na vella cafetería Kirs, fronte o teatro Colón, onde se lle homenaxea ano tras ano cun memorial desde que faleceu en 2004.
Doce anos máis tarde, recibiu tamén o recoñecemento dos seus camaradas da Real Academia Galega, que o escolleron como a figura principal no Día das Letras Galegas de 2016. l

A Deputación instaura un novo premio teatral Manuel María para potenciar a súa obra

Te puede interesar