Dous grandes porta con porta

El Ideal Gallego-2011-07-20-014-436f5659 fundación seoane lois pereiro e roland TOPOR

A Fundación Seoane inaugura hoxe, ás oito da tarde, as exposicións “Quen corta os fíos do soño?” e “Toporgrafías”, no que dous grandes coma Lois Pereiro e Roland Topor están porta con porta para amosar un interior poboado de matices, de lugares polos que o monfortino pasou e de grafismos cos que o francés tintaba de ironía a segunda metade do século XX.

Reportaxe de marta garcía márquez

Dicía a directora da Fundación Seoane, Silvia Longueira, que aínda que distantes, no fondo, os protagonistas das novas exposicións do edificio son parecidos. No toque ácido e na ironía. Porque o bolígrafo de Lois Pereiro pode gardar certa relación co lápiz e o grafismo do francés, Roland Topor, o centro abre os ollos aos visitantes para amosarlles o universo do escritor coruñés xunto a un importante legado do que foi un “maltratado” pola cultura “Made in Spain”.
A mostra “Quen corta os fíos do soño?” vén a ser, en palabras do comisario Antón Patiño, un mapa de sensacións sobre fondo negro que é o xeito de reflectir aquel sentimento de loito que sempre tivo o monfortino e que pasa ao vermello nunha parede na que está impresa a súa modesta proposición. É unha especie de remuíño ecléctico como non podía ser de outra forma. Un compendio de pequenas chamadas escritas por Pereiro que aparecen de repente, segundo un avanza polo segundo piso e que se deteñen en lugares.
Primeiro está O Incio, que é para Pereiro unha montaña máxica na que fica a súa infancia rodeada de soutos únicos e que vai ata o epicentro monfortino e tira recto para Madrid, onde Pereiro vive os últimos anos da ditadura e medra. Faise grande e atopa en A Coruña un asento sen respaldo, perfecto para unha persoa que non acouga. Pereiro atopa acubillo na torre Hercón e colle altura coma un dos anxos melancólicos en “O Ceo sobre Berlín”.
Desde alí bifurca novos camiños e escribe de maneira pausada, conta o mesmo autor nunha entrevista feita por Gayoso. Tiña que ser así. Manuel Rivas explica que un podía recibir toda a información de Pereiro vendo a súa cara, que aínda que era reflexo da dor que tiña que soportar, acadaba unha dozura difícil de explicar. Era máxica igual que pasa cando o curioso revisita as páxinas escritas. Hoxe moitos dos fragmentos están pintados sobre as paredes.
A exposición xunta toda a creación literaria, musical e cinematográfica para completar o gordo dunha das aventuras espirituais máis importantes do século XX. En medio das fotografías realizadas por profesionais tan coñecidos coma Vari Caramés, Xurxo Lobato ou Manuel Vilariño, asómanse á porta as palabras. Sobre todo aquelas que fluíron polo pensamento de Pereiro. Amor tamén chamado Piedad Cabo, señardade, desexo, loita, ironía, furia, dor, enfermidade e morte bailan na Seoane, tintadas de traxedia.
Antón Patiño destacaba o feito de que A Coruña estivera tan presente na exposición. El atribuíao a que Pereiro pasou a súa derradeira década na cidade perseguindo as súas obsesións literarias por outras capitais centroeuropeas.
O comisario lembraba a repercusión que tivo adicarlle o Día das Letras Galegas porque permitiu a achega de moitos mozos a súa escrita: “Pasou de ser un poeta de culto a ter unha resonancia única na historia deste día”. Foi tal a explosión de novas edicións e iniciativas inspiradas na súa obra que na actualidade son poucos os que descoñecen a existencia deste home de versos metálicos.

El Ideal Gallego-2011-07-20-014-43600c3fVeciños > No primeiro piso e en calidade de veciño, está Roland Topor, representado por todo o universo gráfico que plasmou en vida e que o converteu en referente. Tanto que provocou a toda unha comunidade de seguidores. Eles foron detrás del e acabaron collendo un lápiz. A mostra titúlase “Toporgrafías” e componse dos soportes que o francés empregou e que tiran do cartelismo e fanse películas animadas, estruturado todo en clave de humor.
O co-comisario Asier Mensuro falaba de que os contidos estaban dirixidos “para el especialista y para el que no lo es”. Precisamente por iso pode ser unha oportunidade para coñecer a un dos grandes da segunda metade do século pasado que pasou desapercibido polos axentes culturais españois. Desta forma, a mostra é a primeira que se adica ao autor en décadas e o catálogo que a resume conforma a primeira monografía sobre Topor. O experto engadía que a celebración do salón do cómic levará a moitos amantes do tebeo a percorrer as composicións de Topor, protagonizadas polo corpo, roto, estirado ou metamorfoseado, pero sempre impregnado de humor.

Acto > Longueira protagonizaba o primeiro acto oficial despois de recuperar o seu posto de directora. A exconcelleira agradecía o labor de Ruiz de Samaniego e tildaba á nova concelleira de Cultura, Ana Fernández, de vella coñecida. A edil será a vicepresidenta da propia fundación. Longueira sinalaba que as próximas exposicións seguirán formando parte da programación fixada polos anteriores.

 


Dous grandes porta con porta

Te puede interesar