Falece na Coruña o escritor e mestre Xabier P. Docampo aos 72 anos

Docampo nun acto literario en 1999 | arquivo ec
|

“Era un tipo con moito sentido do humor, pelexón e optimista”, dicía Víctor Freixanes desde a rúa Tabernas, mais non era tonto. Sabía o que tiña e tiraba. Até que non puido máis. Xabier P. Docampo finou na noite do luns aos 72 anos. Pedagogo, escritor, contador de historias e, sobre todo, un mestre deses que deixan pegada nos que ocupan pupitre, Docampo naceu na Terra Cha (Rábade) en 1946, pero pasou a súa nenez en Castro Riberas de Lea onde están os seus primeiros recordos, nun muiño á beira do río Lea xunto o seu pai baleirando sacos de trigo.
O destino quixo que se instalara na Coruña desde hai décadas, onde estivo activo nos distintos ámbitos da pedagoxía e a listeratura. Vivía na Gaiteira, onde lle deu forma ao seu derradeiro libro: “A nena do abrigo de astracán”, sobre unha nena que lle conta películas á súa madrastra. O cine foi outra das súas grandes paixóns, que o levou a pilotar o pasado inverno un paseo polas salas coruñesas con historia que foron como a súa casa. Dicía que nun ano chegou a ver co seu amigo Tuto Vázquez unhas 300 cintas: “Algún día íamos a dúas ou tres”.
O xénero seguro que lle axudou a manter viva a curiosidade, a mesma que buscou espertar aos cativos, para “que queiran saber, tocando e ulindo e non esperando a que ninguén lles conte como son as cousas”. Sendo parte delas. Con el vaise un anaco de compromiso e lealdade á lingua e ao país, aseguraba o presidente da Real Academia Galega, unha militancia aberta que non entendía de estreiteces e unhas letras impregnadas de talento, que o levaron a subirse ao estrado a recoller o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995 por “Cando petan na porta pola noite”.
Tamén gañou o White Ravens en 1997 e seus son os títulos “A chave das noces”, “O pazo baleiro”, “Bolboretas”, “A casa da luz”, “O misterio das badaladas” ou “A illa de todas as illas”. Xabier P. Docampo viña da escola, lembraba Freixanes, por iso tiña ben claro onde había que traballar. Os seus esforzos por renovar e arrastrar ás novas xeracións víronse reflectidos en proxectos como a Revista Galega de Educación onde foi membro do consello e na Nova Escola Galega.
Docampo non se foi. Queda na ducia de libros que publicou, nas clases que regalou no CEIP Emilio González López en Brexo Lema (Cambre), tamén na biblioteca que leva o seu nome como localidade agradecida e nos cursos e nas charlas que deu sobre didáctica. Como el mesmo dixo, “Xabier P. Docampo fíxose escritor porque ten memoria de si e dos seus. Porque habita a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano”.

Pésames
As redes sociais fixéronse eco onte da súa figura e as súas verbas. Desde o concello de Culleredo lembraron a súa participación na actividade cultural da localidade. Tamén en Cambre e Oleiros e na Deputación, desde onde remarcaban a súa implicación: “O seu é un legado de honestidade, dignidade e confianza no noso país que é unha extraordinaria herdanza”, sinalou a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei. O concelleiro do BNG en Cambre, Tono Chouciño, falaba de que “ao longo da vida un ten moitos profesores, pero ao final escollemos quen foron os nosos mestres. Docampo foi un dos meus.” l

Falece na Coruña o escritor e mestre Xabier P. Docampo aos 72 anos