Esta expresión, anglosaxoa, é un substantivo masculino que xa invadiu o dicionario da lingua galega, pola súa popularidade para facer eco desta forma de patrimonio que permite utilizalo mesmo para abordar o considerado dereito á propiedade privada do coñecemento científico que se amosa cruel, mesmo por riba da consideración humana de interese público nunha emerxencia sanitaria, á hora de permitir a produción, distribución e vacinación masiva e urxente da poboación mundial que se enfronta á vaga do coronavirus; único xeito efectivo de frear a situación creando unha inmunidade grupal que permita salvar vidas humanas e recuperar a normalidade sanitaria e social.Da traxectoria seguida nisto, constátase que a comunidade científica sabe como paliar a situación e, proba diso, velaí están as varias vacinas en circulación que se deseñaron en laboratorios de aquí e de acolá do Atlántico Norte, ás que sumar a rusa e chinesa que xogan noutra división máis solidaria; amén das que están en camiño nunha situación moi avanzada para acadar a meta final.