A pintura mineral de Jesús Cubillo

C ando, atendendo o convite do médico e escritor Pablo Vaamonde, visitei a exposición de Jesús Cubillo no Colexio de Médicos da Coruña,   o primeiro  que me chamou a atención  foi o aporte matérico  das pezas. A superficie non aparecía plana, senón salferida de picoutos de diversos tipos e ordes.  Cadros  cunha certa dimensión  escultórica nos que  o predominio do óxido, do ferruxinoso  é total. 
 A proposta de Cubillo defínese por unha  austeridade  allea  a calquera  tentación  exuberante ou   vizosa e  a gamas  ou   matices  deslumbrantes… Ao contrario,  estamos ante   un universo telúrico, ancestral, dominado por  texturas abruptas  e por cores  terrosas  nas que salientan  os  ocres, vermellos  e negros.  Un  espazo  intemporal de silenciosa  xeoloxía, de covas, tobos  e minas,  que  require  para a súa correcta comprensión  un observador atento e implicado.
Materiais humildes, pobres, sen valor comercial, retallos, restos rescatados por Cubillo  que agora teñen un  novo destino; un destino  que irá mudando, evoluíndo, transformándose na mesma   obra. Obxectos  nos que  o importante é o valor expresivo do propio material ou  do propio obxecto.  Esas reixas que agochan, que protexen e ameazan,  fálannos  de illamento e  incomunicación e  expresan, quizais, a  soidade  humana.  Os anacos de madeira, e  a cinsa,  presentes en varias pezas,  veñen  constatar  que permanece  a cinsa, non  o lume … Torcas,  puntas, cravos  e outros elementos industriais,  ordeados en espazos xeométricos, sen dúbida  cunha intención simbólica,  parecen  aludir  a  unha mensaxe  críptica, ignota. 
A paisaxe, de montaña,  suxírese  con simples liñas ou con  arames. Velaí os  “campos minados”, as marcas, os signos, os cristais  rotos,  o sol, como un símbolo paternal e protector,  reiterado na maioría das pezas. A  natureza  pedregal, irta, sen     unha herbiña, expresa a súa potencia, mais tamén a súa  queixa. Forza mineral   e cósmica, anterior  ao advento  da vida. Da vida que non  chegou,  ou  que chegou e xa non existe..?
Jesús D. Cubillo  provoca  unha reflexión entre os obxectos  e a súa forma, a través da ubicación no soporte e das cualidades específicas de cada un deles. Non importa nin a procedencia nin o uso. Son elementos marxinais que encarnan valores transcendentes  grazas á  “visión” que   ofrece  o artista. E son elementos neutros, que non emiten xuízos, nin xulgan nin falan, exprésanse en si mesmos, buscando a raíz oculta, o sentido último. A  serena harmonía.
 

A pintura mineral de Jesús Cubillo

Te puede interesar