DIFÍCIL E FELIZ ADOLESCENCIA

Hai unhas semanas, nunha desas comidas que adoitamos ter regularmente, o sempre benquerido amigo Xaime Bello, alcalde que foi de Ferrol, apareceume cun magnífico agasallo, unhas fotos da miña adolescencia, que eu, se non erro, nunca vira. 
En dúas delas, véxome na compaña de amigos desa altura, algún que xa morreu (como é o caso de Fonso Foira) e algún outro que hai séculos que non vexo. 
Están tiradas no interior do salón de baile do derrubado cine Principal de Xuvia, onde, sen dúbida, pasei moitos felices momentos. 
Tempos que foron marchando ó ritmo de cancións que dicían cousas. E iso noso que se foi hoxe víveno outros, como meu neto Iago, nas beiriñas dos 16, que hai uns días me contaba que atopara un universo chamado Tania, da que se namoraba cada vez que a vía, tal como a primeira vez, e que ó seu lado todo lle parecía marabilloso, convencido de que dera co amor da súa vida. E quen o sabe?

DIFÍCIL E FELIZ ADOLESCENCIA

Te puede interesar