Virus na sanidade

Osubstantivo virus que entendemos por axente infeccioso,

Osubstantivo virus que entendemos por axente infeccioso, ese parasito endocelular que está envolto por unha cuberta proteica e ten un sistema de multiplicación en base a replicación do ácido nucleico correspondente, é algo moi propio ás patoloxías de saúde que, especialmente neste tempo invernal, colapsan os servizos de urxencias. Porén, o virus que dá pé a unha certeira metáfora sobre as ameazas que penden sobre o sistema sanitario público é, pola contra, máis propio do mundo das novas tecnoloxías da comunicación; e dicir, ese axente que actúa nun sistema informático procurando nel un prexuízo que impida o seu eficiente funcionamento.
Obxectivo que, no proceso de infección inoculada, non responde a enredo de brincadeira. Non. Detrás dun ataque á rede dos sistemas informáticos sempre hai un interese planificado, nacido do deseño, elaboración e cálculo minucioso en laboratorio de ensaio, que busca negocio na operación. Velaí o cerne da tensión que se está a vivir co proceso parlamentario que promove o Goberno Galego co “proxecto de modificación da Lei galega de Saúde”, de 2008; presentado ás agachadas no pasado mes de Agosto, xogando ao despiste en pleno período de vacacións para boa parte dos profesionais do sector, e para o conxunto de todos os pacientes e usuarios. Unha técnica que repetiu ao rexistralo no Parlamento, aproveitando a ponte de Decembro. Non colou.
Boa parte da sociedade galega, aínda contando con certo tratamento de baixa intensidade nos grandes medios de prensa, está a reaccionar perante unha norma que vai na liña de deteriorar máis fortemente o nivel de calidade asistencial da Sanidade Pública. A comezar pola introdución dunha especie de segunda división coa eliminación de varias Áreas Sanitarias que se transforman en “distritos”; un xeito eufemístico de cargarse a responsabilidade de dotar de recursos humanos e tecnolóxicos a unha manchea de hospitais; e, deste xeito, forzar á cidadanía afectada a buscar asistencia moi lonxe do seu entorno de residencia. Un buraco máis dos recortes e privatización.
Privatización, si, polo que respecta a derivación de intervencións ou atención en centros concertados; a existencia de portas xiratorias polas que transitan sen rubor profesionais directivos entre un lado e outro, do público ao privado e viceversa. Negocio dos seguros de saúde, e das poderosas empresas farmacéuticas que están detrás dos hospitais privados para aproveitar “a río revolto” ir colando pólizas que traen modernidade na atención. O virus vai estendéndose.