O valor da diversidade biolóxica

índa resultando ser un fenómeno absolutamente comprensíbel, o feito de ocupar a case totalidade da información xornalística polo tratamento das noticias encol da epidemia vírica non deixa de ser un problema na configuración dos estados de opinión pública, amosándose inxustos para outros asuntos de máxima importancia para o conxunto da especie humana; ademais moitas veces relacionados de tal xeito coa causa provocadora desta pandemia infecciosa que fan da súa omisión ou por situalos agochados no curruncho da limitada ollada das persoas máis sensíbeis, xustamente as que non precisan reparar nos graves problemas planetarios porque xa son as que a cotío militan na causa da boas accións. Velaí, a escasa atención que se presta a consideración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, outra iniciativa da ONU para petar na conciencia das boas xentes do mundo e na porta da responsabilidade das institucións gobernantes, nesta ocasión cun chamado á responsabilidade social porque “as nosas solucións está na natureza”.
 Reflexión que o ecoloxismo galego traslada á cidadanía considerando que “a actual crise sanitaria está enfrontando á humanidade a un escenario de incerteza nunca visto nin experimentado no que se revela dun xeito particularmente diáfano a dependencia da nosa saúde do estado de saúde da Natureza”. Iso é así porque, aos ollos do movemento a prol da preservación do medio natural a diversidade biolóxica “preséntase non só como refuxio e morada dos seres vivos nos que nos incluímos como especie, tamén constitúe a base da nosa alimentación e subsistencia, pois dela extraemos todos os recursos vexetais e animais que nos fan falta para alimentarnos”. Daquela, diante da situación de catástrofe sanitaria que asolaga a todas as xeografía da Terra, “a diversidade biolóxica revélase agora máis que nunca como a mellor vacina contra as pandemias, a propagación de enfermidades infecciosas entre humanos, ou casos de doenzas transmitidas de animais a humanos”. Verdade indiscutíbel e principio científico polo que sabemos que “canta máis diversidade de organismos haxa na natureza e máis interacción entre eles, máis protexidas estaremos as persoas fronte a aparición de novos virus ou vagas infecciosas”. 
Chamamento aos gobernos de ámbito local, galego ou estatal para que “abandonen dunha vez por todas as súas insensatas políticas de agravio e destrución da diversidade biolóxica para comezar por fin unha xestión pública na que prime o que realmente importa: a saúde da natureza e das persoas”. Demanda xusta.

O valor da diversidade biolóxica

Te puede interesar