O vaivén do satélite extraviado

Enxeño, nome co que foi bautizado o satélite español de observación espacial que poucos días atrás tomou unha derrota de rumbo incerto, aínda que ben puidera ser que andase polas estepas do xeo ártico, para alén da súa importancia tecnolóxica e científica, ocasionou unha circunstancia de infortunio que deu base a unha boa ringleira de humor, sarcasmo e retranca no que, a xeito de chío na internet, o prontuario de consellos menos afiado lembra que “este ano non está para tirar foguetes”.

Suxestión conectada co estigma do momento soportado pola humanidade, lastrada no seu estado anímico social pola pandemia sanitaria do contaxio vírico que, na realidade do accidente sufrido pola lanzadeira francesa responsábel de colocar a este aparello na órbita celeste que oito minuto após iniciar o seu despexe desviou da traxectoria causando a perda irreparábel deste satélite á par do outro que tamén ía na operación liderada pola Axencia Espacial Europea.

Aínda pendente unha conclusión técnica que explique este grave fallo nun proceso de lanzamento autónomo e robotizado no que se supón a calculada, e teimosamente revisada, maquinaria que debe levar ao final agardado nunha secuencia na que se van relevando en sucesivas quendas diferentes motores que, unha vez realizada a súa función, van separando do conxunto do foguete; así até o cuarto e último que foi, polo que se di, o que provocou o sinistro por causa dos cables errados da propulsión do seu motor.

Porén, doutores ten a igrexa e aquí, do mesmo xeito que diante dunha situación de morte dunha persoa caída do piso décimo dun edificio, de producirse por eses mundos do alén mar, iniciaríase unha pescuda de varios meses para determinar as causas dese falecemento aínda que para a nosa cosmovisión galega a conclusión sería doada e rápida: Tíñaa alí.

Pois iso, no satélite de marras o que se foi polo vento foron douscentos millóns de investimento, trece anos de traballo realizado por unha boa parte de persoas e institucións académicas de investigación, sen seguro que permita a súa compensación monetaria, furtándose a utilidade fixada como obxectivo a favor dunha manchea de usuarios, especialmente de ámbitos da administración pública, que agardaban pola súa misión cartográfica, de urbanismo e usos do solo, agricultura, xestión da auga, seguimento de emerxencias do tipo de incendios ou inundacións.

Mágoa dun desenlace que non deixa o corpo disposto para repetir no inmediato prazo.

O vaivén do satélite extraviado

Te puede interesar