Un vagón alegórico

Entendendo alegoría como expresión da ficción en virtude da cal un obxecto ou imaxe representa ou significa cousa diferente ao elemento visíbel, sen dúbida esa data que vén de celebrarse con grande balbordo nos medios políticos e diplomáticos internacionais, conmemoración do centenario do armisticio da Primeira Guerra Mundial, está representada polo Vagón 2419 no que se asinou as condicións do cese daquel conflito, nun histórico 11 de novembro de 1918. Porén, o simbolismo daquel vello coche restaurante dos camiños de ferro franceses non foi ollado da mesma forma por vencedores ou vencidos, certamente que non. Por iso, este vulgar vagón pasou a ser obxecto de devoción para os primeiros que optaron por recuperalo, pasado apenas un ano posterior no que funcionou novamente na súa labor de restaurante móbil, e facer del unha parte fundamental dun museo conmemorativo en lembranza da vitoria. Para os vencidos, unha humillación a vingar. 
Velaí a segunda vez que se fixo uso deste vagón para realizar a mesma función, porén á inversa. Coa invasión do Terceiro Reich á Francia da Segunda Guerra Mundial, a rendición desta última foi asinada novamente neste coche ferroviario, expresamente trasladado do museo ao bosque de Compiègne, lugar da anterior claudicación; e unha vez cubriu esta función vingativa foi levado para Berlín e posto en lugares públicos para que a xente contemplase un símbolo recuperado da outrora derrota vergoñenta. Visto que as cousas foron mudando perante o transcorrer deste conflito que deixou desolación e morte por toda Europa; invertendo o papel dos invasores iniciais que pasaron a ser os derrotados posteriores, aínda que na realidade todos perderon algo, o mítico Vagón 2419 xa non retornou ás terras francesas. Non, foi dinamitado pola forzas hitlerianas para evitar que reproducira aquela anterior alegoría da derrota. Mais, as cousas derivaron novamente na procura do mesmo simbolismo e, deste xeito, outro coche restaurante idéntico ao destruído, o Vagón 2439 D, foi adaptado á figura do anterior e levado ao museo do Bosque Compiègne. 
Simbolismo dunha carruaxe ferroviaria que acumula unha traxectoria que vai no miolo dos conflitos bélicos nos que o valor alegórico cobra unha dimensión desproporcionada e metafórica. Agora que xa non é habitual utilizar a expresión de vagón para referirse aos modernos coches de viaxeiros que é palabra máis amábel, agardamos tamén contar co noso vagón alegórico que serán todos os que cubran por vez primeira o demorado traxecto AVE.

Un vagón alegórico

Te puede interesar