Tobogán de xogo insán

Nos próximos días, un ano máis, viviremos ese momento de ilusión óptica, amplificada pola atención dos medios de prensa, co tratamento dos casos de persoas, familias, colectivos e localidades agraciados no sorteo da lotaría do Nadal, un acontecemento social que agocha detrás de si unha das prácticas políticas e institucionais de máis grande cinismo por ser un xeito de recadación de recursos económicos, entre a cidadanía súbdita do Estado beneficiado, organizado e aproveitado comercialmente por un ente público dependente da estrutura ministerial do propio goberno que, coa outra cara, manifesta estar moi preocupado pola evolución do incremento nos casos de adicción ao xogo que se está a producir entre a poboación xeral e máis aínda entre os sectores da mocidade, tal como veñen de pór de manifesto diferentes estudos de actualidade. 

Coa mirada revirada á situación e aos efectos causados pola pandemia sanitaria do contaxio vírico, con certeza estase a perder perspectiva do fenómeno da extensión do xogo patolóxico que, no ámbito territorial español, afecta a máis de medio millón de persoas que sofren serios problemas e preto do millón teñen algúns dos síntomas característicos da ludomanía. É así polo que moitas persoas chegaron a perdelo todo, diñeiro, familia, traballo, relacións e outras cousas, situando esa necesidade de xogar de forma impulsiva un descontrol na súa vida, efecto idéntico a outras patoloxías como é o caso do impulso de roubar ou de queimar cousas. Éntrase nun labirinto no que a saída resulta un problema moi difícil de solucionar. En palabras dos clásicos da literatura: O que xogou, xogará; que a inclinación ao xogo aplácase, mais non se apaga. Porque “o xogador é un ladrón da súa fortuna, do seu tempo, da súa liberdade e da súa saúde”. 

Por iso, os datos que trae o Plan sobre Drogas revelando a elevada incidencia entre a mocidade da adición ao xogo, no que se constata a súa extensión ao 25 por cento das e dos adolescentes, creando un tobogán polo que se deslizan á ludomanía nada menos que un de cada catro, nunha meirande parte creada polo efecto de socialización que se está concentrando nas casas de apostas, intencionadamente aberta en locais achegados a centros educativos, violentando a prohibición de entrada, facilitando un xeito de xogo que sumado ao incontrolábel en rede, bebe da inacción da autoridade gobernativa para sumar lastre á saúde pública. Alerta vermella.

Tobogán de xogo insán

Te puede interesar