Tarambainas ao punto de neve

O feito meteorolóxico e natural de nevar na etapa invernal non é nada infrecuente por estes lares. Aínda máis, é algo perfectamente lóxico, previsíbel e certamente boa cousa que o refraneiro da tradición popular agraria sentenciou con fino tino ao afirmar que “ano de neve é ano de bens”. Por iso, o balbordo xornalístico que provocou a sobradamente anunciada vaga de frío e neve que chegou puntual á súa cita programada nas terras da meseta peninsular é, en si mesmo, o único fenómeno anormal coa súa deriva política e de perversa proxección de discursos interesados, á comenencia dos seus impulsores, perante a opinión pública. Aquí, no comportamento visto, destacan tarambainas que buscan os seus dez minutos de gloria efémera, cun xeito de actuar que lembra ese proceso que coñecemos por punto de neve, nome que se dá as claras de ovo batidas ata unha consistencia firme, que serven para preparar moitas elaboracións de pastelaría e doces de sobremesa, incrementando o seu tamaño no proceso. Velaí parvadas considerando que o elemento caído “non é neve de verdade, é puro plástico”, co seu adorno visual para facer ver unha realidade alterada que tivo unha amplísima difusión nas redes de internet.

Con todo, o relevante dentro do barullo, ruído e confusión é o intento de facer ver que este fenómeno de frío puntual resta importancia e urxencia á intervención pública necesaria para frear o quentamento global do planeta, consecuencia do cambio climático que é a grande pandemia á que se enfronta a humanidade. Mesmo ficou sepultada a noticia do Servizo Copernicus que amosou o grave dato polo que o pasado ano foi o máis cálido a nivel mundial, empatado con outro recente. O quentamento global é unha realidade indiscutíbel, dado o elevado número de evidencias existentes, aportados polos números térmicos que fornecen estacións meteorolóxicas ou por teledetección, por outros indicadores e por rigorosos estudos científicos.

Un auténtico “efecto bola de neve” que ocorre cando algo pequeno gaña impulso e moi axiña chega a ser grande e máis significativo. A fraxilidade do momento inicial á hora de capturar uns poucos flocos que ten a bola, a medida que medra incrementa a súa capacidade e esta vai aumentando de xeito exponencial, converténdose nun destrutor imparábel. Nesas estamos perante a emerxencia climática. Ollo co interese en facer ver o contrario. Non imos cara unha nova glaciación. Camiñamos ao revés. Aprema mudar o rumbo.

Tarambainas ao punto de neve

Te puede interesar