Sanidade, dieta e lonxevidade

Cóntanos a crónica oficial da administración sanitaria a boa nova de ver incluída, para súa reflexión académica no próximo congreso mundial de psicoloxía xeriatra, a situación asistencial galega a respecto dun fenómeno de lonxevidade que amosa a existencia dunha cifra notoriamente superior ao milleiro de persoas da comunidade que superan cen anos de idade, tendencia cun exponencial aumento na previsión demográfica estimada para os anos vindeiros. Por iso, faremos do noso caso un certo xeito de laboratorio europeo no que se tratará inevitabelmente deses outros aspectos negativos que leva aparellada a engadida de anos á media de idade que xa supera tamén a cifra dos oitenta para ámbolos dous sexos. Repto evolutivo, sanitario e social.

Problemas físicos con dependencias, tardía e parcialmente recoñecidas no sistema público, de atención que evidencian a sobrecarga das e dos coidadores, ademais enfrontados a espazos de habitabilidade non axeitados para atender a mobilidade destas persoas doentes.  Soidade e dificultade na integración do entorno social, ás veces maltrato, e cada vez máis acusado o deterioro da saúde mental co lóxica degradación cognitiva e a presenza das demencias mentais, co alzhéimer como xinete da apocalipse xerontolóxica, nun mundo pouco xeneroso á hora de achegar recursos de investigación que permitan acadar solucións que revertan estas patoloxías. Aínda máis, o cadro de atención ás persoas lonxevas non pode esquecer os baixos niveis de renda das pensións medias na xubilación galega que non facilitan o seu merecido benestar, todo o contrario constitúen unha carga que vai ao lombo das familias. Aquí resulta fundamental unha axeitada dieta que evite ou diminúa o uso de medicinas, especialmente as psicofármacos, na liña de respecto coa natureza que nos vén de propoñer o panel de científicos da ONU para frear a crise climática, coa equilibrada dose de cereais, legumes, verduras e proteínas, carne ou peixe, que xa veñen conformando o modelo tradicional de alimentación natural neste territorio atlántico. 

Confiar a lonxevidade exclusivamente á intervención dos servizos sanitarios é tan  irresponsábel como a vía máis temeraria se ollamos para a vaga de denuncias públicas que están a poñer de manifesto o imparábel deterioro da calidade asistencial, coa redución de camas hospitalarias, baixas de persoal sanitario que non son repostos e, coa súa vacante puntual ou crónica, producen un atraso inconcibíbel na agarda da atención primaria. Longa vida, si; porén coa calidade á que ten dereito todo ser humano.

Sanidade, dieta e lonxevidade

Te puede interesar