Á procura dun tesouro

Polonia, neste tempo de agosto: Comeza a operación para atopar un presunto tesouro que terían agochado os nazis nun túnel subterráneo da rede ferroviaria en base a unha confesión “in mortis” dun garda arrepentido. Madrid, co apuro dun asunto de estado que non é de calado dabondo como para ter que prescindir do descanso de verán: Fíxase a sesión de investidura para elixir novo Presidente do Goberno, setenta días após as eleccións, coa ilusión óptica de atopar o tesouro de abstencións en número que permitan contar con máis votos favorábeis que á contra.
Sempre o tesouro chama polo ouro. Refrán popular que semella guiar aos buscadores polacos que parten da historia que fala sobre a chegada dun tren, ao final da Segunda Guerra Mundial cargado cun segredo, a unha afastada estación da contorna de Silesia, no que se supón que ían decenas de caixas cheas de lingotes de ouro e tamén xoias e obras de arte. Unha ringleira de vagóns para os que a orde foi enterralos nun túnel subterráneo, eliminando calquera rastro desta actuación. Agora, setenta anos máis tarde, as escavadoras afondan nun terreo que conta coa sinal do radar xeográfico e, bendita fe na condición humana, co debuxo que deixou un garda nazi antes de morrer. Certo é que facer buracos neste territorio polaco pode levar a un verdadeiro labirinto de túneles e rede de pasadizos á moda dun queixo furado polos vermes, construídos polo exército teutón debaixo do encantador castelo que domina a comarca, por non falar das galerías subterráneas ou as minas típicas do entorno. Non sería de estrañar que a operación rematase ao xeito dun mergullador que atopou outro “tesouro nazi” nun lago austríaco que non pasou de ser unha morea de lingotes de bronce; porén a xente continúa a mollarse, teimudos na procura.
Metáfora dun Rajoy que, coa velocidade dun caracol, vai esgotando o seu tempo no achado dese tesouro de alquimista que é a suma de votos que permitan a súa elección para un novo período de mandato á fronte do goberno Estatal. Coas elección galegas e vascas á porta non é moi doado que o asunto quede pechado na próxima sesión de investidura. A presión lanzada sobre os seus rivais, mesmo coa ameaza de votar novamente o día de Nadal, non vai lograr o obxectivo. Poda que a saída ao seu favor chegue co outono, senón o candidato real será outra persoa. 

Á procura dun tesouro

Te puede interesar