Política cuántica

A Fundación Nobel que outorga os premios anuais que levan o nome deste inventor, empresario e químico sueco de éxito, vén de anunciar o galardón de Física para “aos laureados que abriron a porta a un mundo descoñecido onde a materia pode asumir estados estraños”. Falan de tres físicos británicos que traballan en diferentes universidades de Estados Unidos que, a criterio dos custodios patrimoniais da fortuna do pai da dinamita e outros explosivos, “usaron métodos matemáticos avanzados para estudar fases insólitas, ou estados da materia, ao xeito dos supercondutores, superfluídos e películas magnéticas delgadas”. Isto é, aos “descubrimentos teóricos sobre a transición da fase topolóxica ás outras da materia”.  Nin máis, nin menos.
Para os neófitos na materia, trátase dunha linguaxe que revela a enigmática dinámica do universo sorprendente da Física Cuántica que nos fala do comportamento de átomos, quarks, fotóns e un cosmos que configura a realidade nunha escala nanométrica, e aínda máis pequena se cabe. A teoría cuántica, sobre a que xira todo o asunto, deixou o laboratorio para formar parte do noso mundo cotiá acubillada nos aparellos da moderna tecnoloxía e nos medios de intercambio a través da rede de internet. Non para aquí, vai camiño de revolucionar, se non fixo tal cousa xa, o modelo clásico da física e do seu fundamento matemático no que o resultado dun proceso era coñecido e calculábel. Agora movémonos no incerto, no que pode ser ou non; nesa filosofía galega do “poda que si e poda que non”; todo ao mesmo tempo de vez.  Un non saber se sube ou baixa. 
É un cambio radical na visión da ciencia tradicional que vira de cara a tres novos principios fundamentais: Indeterminación, exclusión e complementariedade. A iso deben sumarse atributos que producen máis estrañeza por oporse ao entendemento clásico que temos do universo. Non hai valores definitivos, só probabilidade. Porén “Deus non xoga aos dados co Universo”, expresión de Einstein que vén dicir: Ao final pasará o que vai pasar. Certeza, para alén do resultado acadado co mítico “gato de Schrödinger” que podía estar vivo ou morto, e as dúas cousas á vez. 
Neste espazo da moderna física, simplificado nunha postura de “nin si, nin non; todo o contrario”, está a causa última que lle da corpo científico ao atasco institucional que non é capaz de saír do atasco parlamentario, constituíndo goberno de vez. É a política cuántica.  
 

Política cuántica

Te puede interesar