A pérfida Albión

No ámbito político e institucional isto é un sobresalto continuo, un sen vivir crónico. Velaí estamos, agardando de vez á solución de gobernabilidade española cun ollo revirado ao referendo da saída británica do bloque da Unión Europea, se así o queren as súas xentes que se expresarán na cita coas urnas previstas para o inmediato 23 de xuño, en xornada laboral que os británicos son moi de obviar o traballo intenso na fin de semana; tres días antes de nós escoller a composición do futuro Congreso das e dos Deputados que facilite a posterior elección da Presidencia do Goberno.
Os creadores de novas palabras construíron, a partir do sufixo da nacionalidade e do concepto no idioma inglés para indicar a palabra saída, unha perfecta definición para cualificar a este proceso: o Brexit. Certamente, un fenómeno inédito na traxectoria da Comunidade Europea, salvando o caso da Groenlandia que forma parte das cousas menores na historia deste conglomerado de estados interesados basicamente na extensión de mercados para os sectores financeiros e industriais, por máis que se vista ao mundo comunitario dunha proxección máis cobizosa.
O argumento da utilidade comercial é, no debate que está a condicionar a campaña na Gran Bretaña sobre o Brexit, o cerne da dirección na que irá o resultado. Todo apunta a unha solución de continuidade, por máis que sexa pola mínima e ao límite do partido. No fondo está o balance da vantaxe que perciban a respecto do negocio económico que vai reportar a permanencia ou saída. Isto explica o porqué todos os grandes grupos de presión, políticos, económicos e da influencia na creación de estados de opinión pública tomasen partidos pola continuidade na UE.
Para alén diso, a sociedade inglesa móvese sobre certa base de rexeite e prexuízo, contrarios á permanencia en base a súa cultura herdeira dos tempos dun imperio colonial que distan moito da capacidade actual para manter ese papel de potencia relevante. Veremos que resulta de todo isto, aínda así é de agardar que non retorne o espírito de hostilidade inherente á expresión “a pérfida Albión”, ocorrencia verbal acuñada por un diplomático francés, van alá xa preto de douscentos cincuenta anos; un alcuño anglófobo que fixo fortuna aquí, en tempos do franquismo, con especial dedicatoria para tratar do litixio pola soberanía de Xibraltar. Asunto que vén de sacar do armario o ministro de Exteriores para avisar dunha das consecuencia do Breixit, reclamaremos a rocha.  

A pérfida Albión

Te puede interesar