Perdoa as nosas débedas

Perdoar é eximir a alguén de obriga ou débeda. Unha virtude que formou parte do compromiso cristián na liturxia do pasado recente, recitado acotío na oración do Pai Noso: “Perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos aos nosos debedores”. Virou de raíz, quizás pola innegable influenza do sector financeiro internacional sobre as decisión eclesiásticas do Vaticano ou vai ti a saber porqué para alén da xustificación que se deu oficialmente. Certo é que mudou a expresión do compromiso asumido no rezo, pasando a ser “perdoa as nosas ofensas” que non deixa de resultar un pedimento e deber, “quid pro quo”, ben impresionante. Abofé que non. 
Porén, esa omisión de citar expresamente á “débeda” ten unha forte carga simbólica se pensamos en apelar á solidariedade mundial a respecto da hipotética necesidade futura de negociar unha quita na débeda soberana do Estado español, descontrolada por causa das políticas económicas orientadas ao gasto improdutivo que desenvolven os gobernos centrais e dalgunha das autonomías, entre elas a galega. Débeda común que vén de marcar o seu máximo histórico, desde 1910, acadando xa unha cifra superior aos 1,1 billóns (con be)  de euros; e dicir, máis do total anual da riqueza estatal calculada no Produto Interior Bruto. Isto representa unha media por persoa de 23.900 euros; de preto a cen mil para unha familia media de catro persoas. Tres veces máis, aproximadamente, do que sumaba fai unha década. E subindo. Asunto serio: España é a sexta economía más endebedada da UE. Constatación avaliada pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, organismo que ten por misión coidar do cumprimento efectivo da estabilidade orzamentaria por parte das Administracións Públicas. Facendo pedagoxía da gravidade futura desta pesada hipoteca, aseguran que para saldar o que se debe cada cidadá debe traballar 378 días. Mais, ata 2036, con dezaseis anos de atraso, non se acadaría a porcentaxe que se esixe para cumprir co Pacto de Estabilidade da UE. 
Aquí, alguén pensa en amortizar a devandita débeda? Todo o contrario. O que se fai e fará no futuro é mantela viva, e seguro incrementala. Ao vencemento aboase con novas emisións. É a  pescada que morde o seu propio rabo. O máis grave é que supón un pago anual de 717 euros por habitante que deixan de ir aos programas necesarios de benestar, sanidade, educación ou impulso da economía real que permitan a creación de emprego.  Mal negocio.
 

Perdoa as nosas débedas

Te puede interesar