Paxaros de mal agoiro

agoiro, como expresión é substantivo que nos fala da predición dun suceso, xeralmente de carácter negativo, a través de sinais ou indicios. Por iso, precisa dun transportista da mensaxe que tamén se asocia ao vocábulo citado, indicando así á persoa, animal ou cousa considerada portadora de mala sorte. Máis aínda, na terceira opción da palabra, o dicionario asocia a verba coa persoa que causa molestia; exemplificada na frase: Es un agoiro, botas todo o día dicindo o mesmo. Se ao antes dito, sumamos a consideración de que a expresión “paxaro”, na súa percepción figurada, é indicación de persoa astuta e cautelosa; algo que escoitamos nunha advertencia típica cando nos alertan que “ese éche un bo paxaro, ten moito coidado”; sen dúbida estamos diante da configuración simbólica deses paxaros de mal agoiro que proliferan nos faladoiros radiofónicos, no oficio de facer prognósticos xornalísticos, nos parladoiros da televisión, nos foros dos grupos de influencia empresarial ou política e, se estamos dispostos a dixerir o seu discurso, en calquera curruncho habido e por haber para facernos crer que estamos diante dunha nova crise económica mundial e, polo tanto, non debemos esixir do futuro goberno a recuperación dos dereitos en materia laboral, social e de pensións que nos furtaron coa última reforma imposta.
Quen sabe se a temida crise pode rematar por ser certa, sexa na dimensión por algúns asociada ao crack de 1929 do que conmemoramos o seu noventa aniversario ou asimilada á iniciada unha década atrás, xurdida do despropósito financeiro tolerado polas autoridades políticas e fiscais dos Estados Unidos que tamén prendeu de xeito rápido e descontrolado aquí pola festa atolada do sector inmobiliario e da xestión pública deficiente. A retranca galega ten unha clave infalíbel: Poda que si, e poda que non. Vai ti a saber. Aínda así, cando a botella está medio chea tamén está ao tempo medio valeira. Certo é que nunha economía globalizada, na que o “efecto bolboreta” pende sobre calquera previsión a futuro, é necesaria unha política previsora que procure unha estratexia equilibrada entre a posición baseada no catastrofismo e facer o papel de avestruz. 
Porén, ollo ao fenómeno da “profecía que se cumpre a si mesma”; e dicir, de tanto predicar que estamos ás portas dunha nova crise, esa insistencia rematar por crear a situación temida. Con todo, estes paxaros de mal agoiro só buscan frear novos avances sociais.

Paxaros de mal agoiro

Te puede interesar