Paro, propaganda e clase obreira

Odez de marzo é cita obrigada no calendario reivindicativo galego para facer memoria dos mártires da causa obreira e, ao tempo, facer repaso dos retrocesos acumulados nos dereitos que por xustiza nos corresponden como clase diferenciada. Na memoria histórica nunca debemos esquecer que esta data conmemorativa naceu da violencia dun réxime ditatorial e represivo, responsable da morte de dous sindicalistas pioneiros na loita polas liberdades democráticas.
Acontecemento que, en 1972, fixo do Ferrol o centro da mobilización obreira e, senso contrario, da represión máis feroz. Non só pola morte de Daniel e Amador se non tamén polos cincuenta feridos na masacre policial e no feito posterior de provocar un estado de sitio coa ocupación da cidade polas forzas policiais e mesmo militares, corte de comunicacións e outros procedementos para aterrar á poboación. Manobras controladas polo goberno de Franco que, aínda así, non foi capaz de evitar que estes sucesos fosen noticia na prensa mundial. Abrente que facilitou a conquista de marcos de participación, negociación e avance en dereitos laborais. Ollando para o panorama que soporta esa clase traballadora concienciada que celebra a efeméride do Dez de Marzo, as consecuencias da reforma laboral impostas polo Goberno evidencian o retroceso de décadas nas condicións de traballo e sociais, na calidade de vida e nos dereitos de miles de familias, de centos de miles de homes, mulleres e nenos vítimas do empobrecemento causado pola falla de emprego e salarios para vivir con dignidade.  
Á perda de empregos, diminución dos salarios e precariedade que caracteriza ao mercado laboral debe engadirse a transformación nos períodos de contratación coa moda dos de tempo parcial e duración temporal, de tal xeito que no conxunto do emprego a metade da xente con traballo cobra menos do 50% do Salario Mínimo Interprofesional.
Se a iso sumamos os oitenta mil xoves que tiveron que buscar emprego fóra, no ámbito galego contamos cunha porcentaxe de paro, nova emigración forzada e subemprego que abrangue máis da metade da poboación activa. É o mundo real, totalmente oposto á propaganda do PP que proclama unha fantasmagórica recuperación no emprego que aquí non chegou.

Paro, propaganda e clase obreira

Te puede interesar