Orbitar na penumbra

Astrónomos, astrólogos e astrofísicos do mundo están en máxima tensión emocional polo anuncio da aparición do hipotético Planeta Nove. É coma se viñera encher o baleiro existencial que ficou orfo coa incómoda decisión de eliminar do catálogo planetario de primeira división ao tenro Plutón, identificado cos amables debuxos infantís da galaxia Disney. Non é casual que optaran por denominalo co número que ocupara este último na lista centenaria dos grandes corpos do sistema solar interior. Nome provisional, si. O asunto aínda non é definitivo. Abofé que non.
A prensa internacional agasalla titulares e dedica espazo relevante a este achado coa inevitábel polémica que, polo demais, contribúe a potenciar o interese popular polo tema. Non é para menos se reparamos nos detalles. Verdadeiramente ten o seu aquel de credibilidade. Fálase dun corpo planetario dez vez máis grande que a Terra, nunca visto, nin antes nin agora, só apreciábel polo efecto gravitacional que produce sobre outros obxectos estelares. Anda polos confíns do espazo solar, nunha órbita elíptica que precisa dun tempo que vai dos dez mil aos vinte mil anos para completar o seu percorrido arredor do Sol. Non é de estrañar que non dera sinais de vida antes. Máis aínda, existindo na actualidade tecnoloxía telescópica capaz para observar o obxecto, esta misión non é posíbel ao moverse o escorregadizo planeta no espazo de penumbra da Vía Láctea.
A lideira producida por este fenómeno cósmico, sexa real ou virtual o citado Planeta Nove; e, de confirmarse a súa existencia, fose deste sistema ou veña rebotado de outro, cousa esta que tamén é defendida polos entendidos na materia; o certo é que permite tirar unha metáfora de tempo actual arredor dos efectos de orbitar na penumbra. Esa invisibilidade é útil para evitar as olladas ao tempo que se inflúe totalmente na traxectoria que seguirán os satélites dependentes.
Mira ti por onde, vai coincidir esta bola de neve xornalística coa anual cita de Davos que concentra, neste paraxe suízo da montaña alpina, aos reis do mambo das finanzas, as empresas multinacionais e as organizacións económicas mundiais compartindo mesa e mantel coas primeiras figuras das institucións políticas. Esa xente que corta o bacallau á hora de marcar tendencias, encarreirar as políticas económicas e sinalar o camiño polo que ha de moverse o futuro que eles preparan para o resto da humanidade. Coidando do seu interese, claro. Quen parte e reparte, para si queda coa mellor parte. 

Orbitar na penumbra

Te puede interesar