O devaklo demográfico

Vén de facerse público o informe cos datos trimestrais sobre nacementos e defuncións, publicación do INE, o ente público responsábel da estatística oficial, que achega o dato do crecemento vexetativo de resultado negativo, constatando o importante saldo que amosa moitas máis mortes que nacemento. E dicir, tomando o caso galego en relación ao medio ano estudado, finaron preto a dezaoito mil persoas no cando das oito mil trescentas que abriron os seus ollos a este mundo. En resume, máis de nove mil deixaron de formar parte do censo total de habitantes da comunidade. No ámbito estatal, o resultado negativo achégase ás cincuenta mil persoas. 
Alén da ideoloxía que permite defender que isto non é malo, mesmo todo o contrario; dende unha posición de reposición da especie humana, co foco posto sobre a taxa de natalidade, certamente a cousa no vai ben. Obviamente, motivos hai moitos que explican este fenómeno tan esperábel como recorrente diante das actuais políticas demográficas que teñen, ou das que realmente se carecen, ofertado os diferentes gobernos. Mesmo estamos diante dunha tendencia que con algunha menor intensidade viven todos os países da nosa contorna territorial. Porén, unha das causas da máis grande incidencia temporal está na situación económica, e moito máis aínda na dinámica de emprego e salarios que soporta a xente, no seu conxunto xeral e con máis incidencia negativa se cabe o sector da mocidade, precisamente os chamados a pular pola natalidade.
A mestura entre a situación laboral precaria e o feito de facer do emprego anaquiños de temporalidade, por unha banda, sumada á falta de regulación do mercado de traballo e a voracidade abusiva das empresas que non modifican as súas políticas en relación aos recursos humanos, por outro lado, están a producir un efecto demoledor na estrutura salarial na que dous terzos das persoas contratadas cobran soldos por baixo do Salario Mínimo Interprofesional ou non superan a barreira dos mil de media mensual. Crúa realidade posta en evidencia no estudo “Mobilidade no Mercado de Traballo”, datos estatísticos da Axencia Tributaria que tamén veñen de facerse públicos. Neste contexto é imposíbel que as familias conten coa dose de confianza e seguridade para aventurarse na aposta responsábel por alumear descendencia. 
Daquela, o devalo demográfico é unha situación crónica que olla para unha tendencia que vai na dirección de minorar o seu impacto grazas á máis grande esperanza de vida.  

 

O devaklo demográfico

Te puede interesar