Metáfora laboral do futbolín

Aclase traballadora sairá ás rúas, encherá prazas e amosará a súa reivindicación secular por mellorar as condicións de traballo, unha vez máis neste Primeiro de Maio; porén coa vista atrás ollando para o terreo das conquistas sociais nas que se retrocedeu manifestamente nestes últimos anos a causa das negativas regulacións impostas polos gobernos occidentais, submisos ao ditado do gran capital financeiro internacional e do interese das grandes corporacións multinacionais. A xente pedirá recuperar o nivel dos logros acadados antes de que, coa falaz artimaña da crise económica, os niveis de paro e as regulacións de emprego chegaran a cifras nunca antes vistas dende a metade do pasado século; e, con elas, ao máximo expoñente da precariedade salarial.
A data da mobilización sindical e obreira vén coincidir coa publicación dos datos da última Enquisa de Poboación Activa no ámbito estatal, tamén desagregada por territorios de xeito que permite abordar o especial e sangrante caso galego, reforzada na crueza das cifras amosadas ao respecto desa radiografía do andazo laboral pola estatística do barómetro Eurostat que sitúa a España no vagón de cola da Unión Europea, en competencia coa situación grega. Mal panorama.
Sabemos, pois, que o paro está a medrar; e, peor aínda, a poboación activa diminúe en máis grande proporción, dato que leva ao coñecemento da fuxida de xente moza diante da imposíbel perspectiva de lograr aquí un traballo digno, acorde a súa formación. Para alén diso, o máis sangrante do traballo laboral feito polo Instituto de Estatística é a demostración da imparábel tendencia a transformar emprego fixo en formatos de contratación temporal ou eventual. Isto, sen entrar na valoración dunha realidade que sabe da fraude nas prácticas laborais que forzan á realización de horarios prolongados inmoralmente, sen retribuír ou con pago opaco ao fisco. Conecta coa grave perspectiva demográfica que supón a inseguridade na creación dun proxecto de vida persoal que inclúa o aspecto familiar; menos aínda a decisión de ter fillos. Terríbel.
Por iso, non deixa de resultar un paradoxo exótico ese modelo futuro de clima laboral que podemos identificar coa “metáfora do futbolín”. A imaxe amábel dos xigantes das novas tecnoloxías que presentan espazos de traballo idílicos con currunchos de conforto, incluída unha suposta flexibilidade horaria e de compatibilidade coa vida familiar, que para o mortal das e dos traballadores é pura fantasía. Aínda así, é técnica para ser máis produtivos.

Metáfora laboral do futbolín

Te puede interesar