O lugar das arengas

Polo mundo adiante existen lugares que están marcados a ferro pola súa forte asociación con causas populares e movementos políticos. É o caso da Praza da Quintana compostelá en relación ao nacionalismo galego dende que os galeguista, no tempo da Segunda República, acordaran celebrar neste histórico espazo o que chamaron Mitin das Arengas para recuperar a exaltación da Patria Galega, cada 25 de xullo, que acordaran institucionalizar as Irmandades da Fala en 1920.
No duplo concepto da expresión “arenga”, como discurso dirixido a unha asemblea coa finalidade de exaltar a realización dunha acción polos participante ou no aspecto antónimo de discurso que molesta ao receptor, a experiencia dos galeguistas cumpría eficientemente o seu obxectivo.
Así, para motivar ao movemento e ás persoas que formaban parte do corpo militante, arrancando ás once da noite na véspera da data conmemorativa para así iniciar as primeiras horas do día en plena realización do acto, a Praza da Quintana era escenario dun extenso número de intervencións, rigorosamente limitadas no tempo polo reloxo de eficiente organizador que penduraba da man de Alexandre Bóveda. Os discursos ían dar na diana da inxustiza, do aldraxe e da marxinación que soportaba o noso país por causa das políticas centralistas; intervencións fortemente criticada desde a prensa oficial ou relacionada cos partidos de obediencia estatal.
Ao rematar as intervencións, os milleiros de persoas alí concentradas realizaban unha marcha simbólica que remataba ao pé do monumento a Rosalía de Castro, na Ferradura. Curiosamente, co paso dos anos, neste tempo recente da recuperada dinámica democrática posterior a Franco, agora iníciase a celebración coa marcha dende a Alameda santiaguesa para rematar na Quintana coa alocución e as mensaxes da convocatoria. Obvio é que non todo foi así de fácil, para lograr a normalización deste acontecemento anual antes foi necesario soportar os anos da longa noite de pedra do impedimento, da represión e dos mil e un atrancos que buscaron evitar a cita. Mesmo procurar fórmulas ao xeito da “Misa de Rosalía” en Bonaval que fosen recuperando a efeméride.
Por iso, o nacionalismo galego con máis o menos unidade de participación e pluralidade, volverá a facer desta Quintana dos Mortos un lugar das arengas para manifestar “urbi et orbi” a existencia dunha Galiza viva que busca soberanía e traballo. Memoria histórica dunha traxectoria centenaria de dignificación nacional que recorda o que somos e proclama o que queremos ser.

O lugar das arengas

Te puede interesar