Ese lapsus do que me fala

Lapsus, como podemos adiviñar facilmente pola nosa capacidade para os idiomas, é unha palabra latina que orixinariamente se entendía por “falta ou equivocación cometida por descoido” ata que chegaron os clásicos da psicoloxía, coa paternidade outorgada a favor de Sigmund Freud, que elevaron ao rigor científico a súa interpretación dentro da psicanálise como unha manifestación do inconsciente que se libera da súa pechadura para facerse consciente. E dicir, iso que gardamos en secreto pétreo para que non saiba ninguén do asunto, por causa do chamado “lapsus linguae”, froito do cansazo, do nerviosismo, da ansiedade ou da intoxicación que non vén ao caso matizar en función da substancia causante, remata por escaparse fóra da cela na que estaba encadeada para rematar por poñer en evidencia, botando a voar o sixilo, ao causante do descoido.
Velaí o considerado último lapsus de Rajoy, nun acto de confraternidade coa súa militancia da organización madrileña do partido, ao dicir no peche da súa intervención: “Ata dentro de moi pouquiño e xa preparando as próximas eleccións”.
Aínda sabendo desa facilidade natural que ten o titular da presidencia do Goberno para realizar intervencións con frases lapidarias que mostran unha evidente falta de coordinación entre as neuronas cerebrais e o aparato emisor da voz, mesmo potenciando así unha certa imaxe de avó prematuro que busca unha amábel comprensión para súa oratoria senil; se consideramos a capacidade de control sobre a información emitida dun representante institucional de tal nivel ben puidera ser que o asunto non fose tan inconsciente. Vai ti a saber que é o que trama a equipa ocupante do Consello ministerial para o caso de non contar co respaldo parlamentario para súa política de recortes e seguimento do ditado que lle impón a política de austeridade que continúa a gobernar de feito esta parte do mundo occidental.
Por camiño idéntico vai o caso do ministro de Fomento que falou, chegado á terra galega, do que realmente escoitou nos despachos do seu departamento: O trazado final do AVE a Galiza non rematará antes de 2021. Manifestación sen aditivos que foi bater de cheo contra o castelo de propaganda que foi levantando a súa predecesora, agora exiliada nese cómodo curruncho que coñecemos por Congreso, derrubando así o tramposo discurso que asegura súa operatividade en dous anos. Seica se entendeu mal a súa reflexión. Excusatio non petita, accusatio manifesta.

Ese lapsus do que me fala

Te puede interesar