Inoculación social da pobreza

Aínda que o altofalante da propaganda oficial sexa quen de acadar que se agochen as malas novas nos currunchos de menor impacto da prensa, non pode evitar que estean aí como elemento de denuncia dunha situación diferente á cacarexada polo poder. Velaquí, dúas alertas ben quentiñas, cun vaso comunicante entre si: A comunidade galega é a gañadora da liga, entre todos os territorios peninsulares, co máis grande saldo demográfico negativo; ollando para o último informe de Cáritas que proba a persistencia da pobreza, en sete de cada dez fogares, para alén do crecemento económico que se experimenta no Estado, dato que podemos extrapolar aquí.
No documento “Desprotección Social e Estratexias Familiares”, a xeito de Informe e Perspectivas para 2017, elaborado pola Fundación Foessa para esta organización non gobernamental, dise que asumindo que estamos ante un novo ciclo económico positivo, é indiscutíbel, polo efecto sobre as familias, que “crecemento económico non é o mesmo que desenrolo social”; esta mellora da economía que apuntan os datos macroeconómicos é un proceso que sigue convivindo con ámbitos de pobreza e desigualdade. Máis aínda, as estratexias de redución da pobreza e da exclusión que só estean centradas no crecemento económico están chamadas ao fracaso absoluto; a dicir dos portavoces da institución social promotora do devandito estudio, en relación a actitude dos responsables políticos, “cando algúns din que a mellor política social é o crecemento económico, non están a dicir a verdade”, pois “por desgraza, a pobreza e a exclusión non están precisamente no debate político deste momento”. Na axenda ponse foco noutros temas alleos.
A falta de sensibilidade para con este quebranto da xustiza distributiva, no reparto da riqueza e das oportunidades con equidade, apúntase que diante da problemática “baixamos os brazos, afixémonos a que existan pobres”; facendo que na propia opinión pública se teña “naturalizada a pobreza, comportándose como se fose invisíbel, desistindo na continuidade da loita por erradicala”; en definitiva “normalizando que a xente teña que pasar por esta mala etapa, mesmo en situacións de dependencia crónica con achegas de subsistencia procedentes de entidades de solidariedade e axuda”, nun ambiente xeral de desmoralización e impotencia.
Hoxe en dia, a precariedade dos traballos e dos salarios nacidos da reforma laboral, non permite asegurar unha saída a esta situación de incerteza, moito menos á decisión responsábel de construír un proxecto de vida con futuro. Iso xustifica a tendencia demográfica.

Inoculación social da pobreza

Te puede interesar