Influxo do sono bifásico

Influxo é sinónimo de influencia, acción e tamén do efecto de provocar algo. Podería titularse con calquera das expresión citadas a metáfora do fenómeno paradoxal que veñen de propagar os voceiros do goberno en funcións, descaradamente con gabanza tan incoherente como contraditoria, a respecto da situación do desemprego que aumentou de xeito importante á vista dos datos facilitados polo Servizo Público de Emprego estatal, no pasado mes de outubro, aínda que na alquimia dos datos estatísticos, consecuencia do cociñado da fórmula de medias empregada, os número de persoas afiliadas á Seguridade Social formalmente medraron. E dicir, no prato comemos una resta, máis paro, cunha suma, máis afiliación. Gran feitizo de meiguería.

Para que resulte a conta así, e daquela funcione a propaganda positiva dos responsábeis da política económica estatal, o dato de novas cotizacións tómanse pola media mensual; e dicir, contratos temporais de días ou semanas que se superpoñen engadindo unha falsa imaxe aos niveis de emprego. O cru resultado do paro, o verdadeiro e real, é o anotado a fin de mes na relación de demandantes dun traballo. Aínda moito máis será logo detectado pola sondaxe da Enquisa de Poboación Activa, radiografía na que se documenta o auténtico nivel do desemprego.

Para alén da brincadeira interesada dos altofalantes con responsabilidades de goberno, e dos seus acólitos no interese de agochar a situación alarmante que isto representa, con certeza estamos diante dos síntomas da perda de ritmo da economía no ámbito continental, moito máis a galega, con todos os sectores comportándose de forma negativa, especialmente no mundo industrial; consecuencia da ausencia de políticas que potencien o tecido produtivo propio.

Datos convertidos en noticia de segundo nivel que comparten cunha retranqueira consideración neurocientífica: Durmimos mal. Apelación á recuperación dun modelo de sono bifásico que inclúa esa cabezadiña que debe seguir ao xantar, tanto para evitar patoloxías consecuencia deste ritmo acelerado de actividade descontrolada como, tamén, para facer que as persoas melloren a súa esperanza de vida ata facer do sosego “o lugar onde a xente se esquece de morre”; e moito máis para acadar niveis de conciliación da vida laboral e familiar. Cousa só posíbel dende a seguridade persoal e da confianza para inverter o declive demográfico que se conquistará con niveis de pleno emprego. Misión prioritaria do goberno resultante deste proceso electoral en curso e do influxo da racionalización dos horarios de traballo.

Influxo do sono bifásico

Te puede interesar