• Miércoles, 19 de Septiembre de 2018

Horario para conciliar vidas

Aínda que faltan dous meses para que se produza o cambio outonal da hora, estoupa agora o debate sobre a súa idoneidade

Aínda que faltan dous meses para que se produza o cambio outonal da hora, estoupa agora o debate sobre a súa idoneidade, validez do presunto aforro enerxético, efectos negativos no tráfico ou para a saúde das persoas. Nesta discusión, ademais co engadido do proceso de consulta peculiar que se ten promovido entre a cidadanía a respecto de acordar unha medida que elimine esta práctica periódica; á vista resultado adiantado por un xornal alemán que amosa un indiscutíbel e sobranceiro rexeite entre a opinión pública a que se manteña o actual sistema de cambio de hora. Boa ocasión, pois, para abordar a racionalización dos usos horarios.
Este fenómeno das dúas modificacións no horario, adiantando o reloxo no último domingo do mes de marzo e facendo o contrario no derradeiro de outubro, xurdiu como un xeito de discutíbel efecto fronte ao encarecemento dos recursos enerxéticos procedentes da utilización dos combustíbeis fósiles, vai para medio século xa; e unificou a súa extensión simultánea na área xeográfica europea fai agora vinte anos. Tempo dabondo para saber da súa escasa eficiencia, e pola contra da intensificación dos efectos negativos que agora manifestan as xentes afectadas nesta contundente e inapelábel cifra: Catro de cada cinco persoas da veciñanza europea, e dicir o oitenta por cento dos que responderon á sondaxe oficial, non queren que se cambie a hora. 
Aínda máis, a Cámara parlamentaria da Unión Europea está, por acordo amplo, detrás deste impulso co que se forzou á Comisión a realizar a tarefa de avaliar a supresión do proceso de cambio horario. Antes, ou máis tarde, é seguro que se imporá este criterio; moito máis sabendo que é cobizado pola cidadanía e polos gobernos dos estados máis poderosos do continente. 
Fica pendente outro aspecto, se cabe máis relevante para as xentes que vivimos fóra do fuso horario racional que corresponde pola situación xeográfica, caso galego. Hoxe en día, o ámbito europeo afectado por este debate conta con tres horarios diferenciados que nalgún caso son coherentes coa posición nos meridianos e, noutros, tal como é o español, van moi desfasados ao responder a criterios políticos e non científicos. Por iso, é hora de solucionar tamén este desfase. 
Porén, deben acordarse medidas sobre a xornada de traballo, adaptando este  á necesidade de facilitar a conciliación das vidas profesionais e laborais coas de carácter familiar e persoal. Idénticas ás desa avanzada Europa.