Hora de meterse niso

Chega certeira, en tempo e forma, a última Enquisa de Poboación Activa; ese informe do Instituto de Estatística que representa o máis fiel dos reflexos que o mundo do traballo amosa no espello da realidade laboral vivida a cotío. Vén ademais ao carón da irresponsábel forma de furtar compromiso e responsabilidade na xestión política, expresada polo Presidente do goberno estatal cando nunha recente entrevista radiofónica evita abordar a consideración que lle merece a manifesta fenda salarial media, das mulleres a respecto dos homes, dicindo: Non nos metamos niso. Dito doutro xeito: é o mercado, amigo. Porén si é hora de meterse niso. 
Non é de recibo unha actitude de avestruz: isto a min non me compete. É tempo de botar unha ollada aos datos que proban que, á par da indiscutíbel e inxusta discriminación salarial, total e absolutamente contraria ás máis elementais normas legais, as mulleres tamén padecen a consecuencia do modelo de emprego. Así, fronte á contratación de calidade, se realmente pode falarse con este concepto no actual mercado de máxima precariedade xeral e temporalidade abusiva; as mulleres só acadaron un de cada tres contratos de traballo considerados indefinidos. Considerando a traxectoria desta década transcorrida desde o momento da xestación, primeiro, e un ano máis tarde da explosión da crise que naceu como financeira e rematou por afectar a todo o sistema económico, parella á mutación fatal para o emprego que representa o imparábel proceso de robotización e transformación dos modelos de produción e comercio; aínda é máis intenso o drama se sumamos condición de mocidade á de muller. Parodiando un título de certo filme, a conclusión dunha análise global do traballo, nas empresas, podería resumirse en que “non é mundo laboral para as mozas e mozos”.  Ese espellismo de recuperación non chegou á mocidade.
Os datos da EPA amosan sen dúbida algunha unha tendencia imparábel á perda de poboación activa laboral; no ámbito dun mercado de traballo na que xa é crónica a precariedade, a temporalidade e a rotación de emprego, mesmo ata o extremo de representar unha extensión dos casos dramáticos nas que a condición de asalariado non evita soportar situacións e niveis de pobreza social. Aquí é difícil comulgar co discurso da recuperación do emprego. Non é de estrañar que, na propaganda oficial, se adíe ata dentro de cinco anos a “igualación dos niveis previos á crise”. Fiádesnolo longo.  
 

Hora de meterse niso

Te puede interesar