GRECIA, DEMOCRACIA Y DIGNIDADE

Nesta ocasión, dicir Grecia, democracia e dignidade é falar de tres conceptos da ética política que van xunguidos entre si no proceso negociador que soporta fronte á Troika dos poderes, non sometidos a elección popular, que está formada polo Fondo Monetario Internacional e os instrumentos do brazo armado financeiro da Comunidade Europea; isto é, o Banco Central Europeo e a propia Comisión, ademais dos ministros das Finanzas estatais que adoptan preparar o terreo para que as xefaturas de goberno dos Estados consagren formal e definitivamente a decisión que manterá, ou non, á cidadanía grega dentro desta comunidade limitada que ten ao euro como moeda.
Estamos diante dun proceso político cun fondo de carácter económico e financeiro que ten fácil solución, de existir vontade claro está. Non é así, todo o contrario. Os negociadores do núcleo duro da Comunidade Europea non buscan o acordo se non que o que pretenden é facer claudicar ao goberno democrático do país heleno, ben pola vía de anular a súa limitada soberanía na toma de acordos forzando a sinatura dun memorando que contén proposta de actuación en materia de política económica totalmente contrarias ao compromiso electoral que levou ao actual equipo ministerial ao poder; ou, de non resultar por este camiño, crear un estado de crispación, coa asfixia financeira e de liquidez, que leve a tal grao de tensión que poda chegar a provocar un proceso de secuestro da vontade popular neste Estado do Exeo. Xogan forte para evitar o fenómenos contaxio que, a rebeldía dos de Atenas, poda causar pegada nos outros Estados do sur europeo; en situacións non moi diferentes nas súas economías. Porén, o goberno de Tsipras saíu rabudo. A convocatoria dun referendo para dar voz a cidadanía á hora de expresar a súa posición, sobre a última proposta válida que lle ofrece a Comisión, tensa a corda da relación ata niveis que levan a territorios antes non explorados. Máis alá da campaña de distorsión informativa que se desprega nesta guerra de tensión psicolóxica, para neutralizar a vontade dunha opinión pública que co paso do tempo aumenta a súa disidencia a respecto da liña informativa oficial, a postura grega de buscar un resultado contrario á proposta de acordo, na votación popular convocada, gaña en apoios de prestixiosos economistas que avalan a bondade futura dunha economía que recobre soberanía monetaria para conducir o seu futuro con autonomía. Róncalle o nabo.

GRECIA, DEMOCRACIA Y DIGNIDADE

Te puede interesar