Fronteira apache

Ano novo, vida nova. Iso é o que vai apreciar a peculiar, polémica e provocadora gobernadora de Arizona, Jan Brewer, unha vez finalizado o segundo mandato á fronte deste estado americano, coñecido pola atracción turística do Gran Canón do río Colorado. Porén, no pasado histórico deste territorio, o conquistador español atopou a resistencia teimosa do pobo indíxena propietario das terras que pasou a ser chamado apache na linguaxe do invasor, unha forma castelanizada do idioma nativo cun significado equivalente ao de inimigo. Iso eran para o ocupante.
A gobernadora cesante é considerada a “filla de Hitler” pola súa política ultra conservadora e xenófoba, obsesionada en contra da inmigración fronteiriza, favorable á pena de morte, pola permisividade abusiva na tenencia de armas ou as normas contrarias á practica do aborto para a “saúde e seguridade das mulleres”. A súa traxectoria no atolado discurso político mesmo é catalogada en tres niveis de contradición: Delirios estúpidos, arengas inspiradas polo Terceiro Reich e alucinacións verbais. A esta última débese a súa campaña fronte á “inmigración e todo o que trae consigo: desde o crime e as drogas aos secuestros, a extorsión e as decapitacións”. Mentiras e parvadas ao estilo de “xa se sabe que Arizona foi vítima de ataques terroristas… con toda esa inmigración ilegal que se cola a través das porosas fronteiras”, expresión destinada á presión sobre Obama para construír un muro elevado na raia con México.
Proclamas ao gusto dos rancheiros de escasa cultura e dos sectores da milicia fronteiriza, armados fronte aos “modernos apaches” que residen no sur do territorio. Aquí, en Europa, o “apache” tamén reside no Sur. Agora bule desde Grecia, chamada a votar fronte á política de recortes e austeridade que deixou un rastro de paro, pobreza infantil, desesperación e barbarie; semente de miseria e cansazo que anticipa estar disposta a recuperar autonomía e os dereitos que lles furtaron para pagar unha débeda inmoral. Malia que lle doa a esa especie de “cobradora do frac” que é a chanceler Merkel.

Fronteira apache

Te puede interesar