viernes 23/10/20

EUROPA É INSOLVENTE EN HUMANIDADE

Si, “en cuestión de humanidade, Europa declarouse insolvente”, palabras escritas no seu facebook polo arcebispo de Tánger, para denunciar que “volven contarse por decenas os mortos no Mediterráneo. Se fosen turistas en cruceiro de pracer, non habería perante moitos días noticia máis importante que o seu tráxico destino. Pero son desfeitas, son descartes, son pobres, son ninguén, e só sería noticia se levasen unha orquestra na patera para animar a travesía”. 
Diante da visíbel realidade dunha situación de crueldade humana, os medios de comunicación decláranse ausentes. Tema irrelevante ou menor. Complicidade nunha política que “reserva as praias para o benestar dos que todo teñen, e pecha con coitelas as fronteiras dos que nada teñen, oposicións que deixan á descuberta as vergoñas da nosa moralidade inmoral”, di. Santiago Agrelo, o prelado franciscano, galego, está a ser o vimbio eclesiástico que atiza, desde fai moito tempo xa, á responsabilidade da política española e europea coa denuncia das violacións dos dereitos humanos que se cometen contra os inmigrantes. 
Non ten reparo en facer titular de prensa afirmando que, el, “as coitelas da valla poñeríallas ao Ministro de Interior na porta da súa casa, para que non puidera entrar nela”. Tampouco en repartir simbólicos azoutes ao cinismo das autoridades, dicindo que “cos centos de mortos de Lampedusa os políticos europeos choraron bágoas de crocodilo e prometeron non sei canto, porén non fixeron nada. Nada. Iso repugna. É un insulto á memoria dos mortos”. Firme, claro e contundente. Non se arreda niso. 
Este rianxeiro, cos vigorosos principios de solidariedade activa forxados na docencia do Seminario de Herbón, está a desafiar tamén ás autoridade do Marrocos no que exerce a súa función arcebispal, mediando perante a Alcaldía ou poñendo a sé catedralicia ao servizo do acollemento das vítimas de violencia exercida por sectores da poboación local contra persoas procedentes da África máis aló do Sahara, coa ollada compracente e culpábel dunha policía que nega protección aos afectados. 
En moitos casos, mulleres embarazadas, nenos moi noviños e xente de avanzada idade.  Por iso, para Santiago Agrelo resulta inaceptábel que se fale de mafias, inmigración ilegal e outros artificios oficiais para tentar xustificar a política causante de que “as mafias sexan unha creación do goberno”. Facilítese o paso e rematará a explotación e o perigo de morte de persoas desesperadas que teñen dereito a unha vida digna. 

Comentarios