A espiral do silencio

América, a dos herdeiros da cultura do far west, está chamada a votar para elixir a súa presidencia federal para os próximos catro anos. Vai ser en martes, exactamente o vindeiro martes, día oito de Novembro. Para nós, o martes é un día que ten un certo nimbo de superstición aínda que o refraneiro popular límite só ao “en martes e trece, non te cases nin te embarques”. Porén, na tradición americana é o día electoral por definición. Velaí os martes e os supermartes no proceso das primarias; e agora o pai ou nai de todos os martes, a cita final coas urnas. No segundo martes do mes, o anterior ao martes que traerá a superlúa chea, a que estará máis preto da Terra nos últimos setenta anos; presaxio de catástrofe na crenza ancestral. 
Cun sistema electoral moi diferente ao que se leva aquí, entre nós, incluída a incomodidade de solicitar inscribirse no censo para participar na fase da votación e sabendo que non hai unha elección popular directa, se non que o que se escollerá e un número de representacións electorais por Estado que logo decidirán a posteriori a designación da presidencia; característica que fai dun cativo grupo de oito, entre os 50 Estados, a función de báscula; e dicir, pode darse o caso de que o gañador no cómputo total do voto cidadá non sexa finalmente o Presidente. 
Neste tramo final da longa campaña electoral moitas cousas relevantes teñen transcendido á opinión pública na configuración da orientación de voto. Mulleres que saíron á luz para acusar ao republicano, Donald Trump, de acoso sexual. Este, na súa desafiante liña mantendo o discurso xenófobo contra os inmigrantes, mesmo chegou a mostrar unha futura impugnación do resultado electoral de non lle ser favorábel. Nos medios falouse das súas artimañas financeiras para evadir impostos. E, malia todo iso, semella que para esa xente do profundo medio oeste americano é igual de importante ese asuntiño de saúde da candidata demócrata, Hillary Clinton, ou a película que lle está a montar o FBI sobre a utilización do correo persoal na función institucional. 
Por iso, para alén dos prognósticos é posíbel que as sondaxes non achen coa existencia dun voto agochado que se deriva da teoría política que coñecemos pola “espiral do silencio” e rematemos o martes cun resultado electoral que resulte o inicio dunha perigosa aventura para o planeta
 

A espiral do silencio

Te puede interesar