EMPREGO E TARIFA ELÉCTRICA

Vén de presentarse a campaña da Confederación Intersindical Galega á procura das sinaturas necesarias para defender no Parlamento Galego unha Iniciativa Lexislativa Popular de “Medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética”. Proposta oportuna, lexítima e atinada á hora de propor acordos que permitan establecer unha tarifa eléctrica diferenciada que resulte xusta para territorios que soportan os innegables custos ambientais dunha produción que é exportada fóra. 
Ábrese un debate que pode chocar coa falsa impresión da solidariedade implícita nunha tarifa común, a fórmula actual herdada dos tempos do franquismo que así a decidiron. Sen embargo, isto é absolutamente inxusto, polo tanto un argumento tramposo de raíz, ao considerar aspectos que están incluídos nesa amalgama de sumandos que se soportan no recibo da luz. Entre eles, a parte correspondente do custo de transporte extraterritorial, aos espazos fóra da península, aos programas de axuda ao carbón e outros inxustificables, caso do incomprensíbel déficit de tarifa. 
Polo mundo adiante tampouco é normal a existencia dunha tarifa única na demarcación estatal. Todo o contrario, os países punteiros do crecemento económico e potencialidade industrial (Alemaña, Gran Bretaña, Estados Unidos, Suíza …) teñen tarifas e prezos diferenciados nos distintos territorios. Resulta, pois, do máis razoable demandar unha tarifa galega, baseada sobre unha xusta valoración dos reais custos de produción, distribución e outros exclusivos. É a solidariedade equitativa polo custo social dos negativos efectos que a xeración enerxética produce nos vales galegos asolagados para a construción dos encoros ou a afectación nos montes que acollen os parques eólicos. Auga e vento públicos que piden un retorno de beneficio á sociedade. 
Para alén diso, a menor tarifa que debería aboar a cidadanía galega é unha ferramenta que faría máis competitiva á industria, asegurando un subministro estábel en prezos, base para o crecemento e creación de emprego. Isto é algo que se fai coa industria vasca, facéndoa máis puxante. As deficiencias da rede no mundo rural, xunta a carga do consumo, é causa tamén de que o agro galego non teña un máis alto grao de explotacións gandeiras coa súa tradución nun maior número de empregos. O factor dos custos enerxéticos son, polo tanto, decisivos á hora de crear ou manter empregos. Coa ILP, a CIG, tamén busca atacar de vez a cruel situación da “pobreza enerxética”.

EMPREGO E TARIFA ELÉCTRICA

Te puede interesar