Emprego e dignidade

A clase traballadora galega está a mostrar a súa indignación insostible, mobilizada na defensa do seu dereito laboral nas empresas do transporte de viaxeiros por estrada, no metal coruñés, nos centros de chamadas e atención pasiva á clientela das empresas de telefonía ou electricidade,  no servizo de bombeiros lugués; e noutros moitos casos máis. Foco especial para marcha en contra do intento de venda fraudulenta das centrais do Xallas. Máis grave aínda, loito polo accidente mortal dun traballador nas obras da Ponte de Rande, vítima das precarias condicións de traballo.
A dureza da reforma laboral, imposta polo sistema, amosa a súa crueldade co desamparo da xente traballadora fronte ao abuso empresarial, amparado por lei e tolerado pola actitude pasiva da autoridade inspectora á hora de esixir o cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais. A morte accidental nas obras de ampliación da Autoestrada do Atlántico era cousa agardada pola existencia dun mecanismo de subcontratación entre a Unión Temporal de Empresas á que se outorgou a realización da obra e as auxiliares que son as que executan os traballos; estas últimas impoñendo xornadas de doce horas apenas retribuídas a sete euros de media. A necesidade do emprego, aínda sendo precario, forza a traballar nestas condicións límite.
O goberno galego, coas competencias na materia baixo a súa responsabilidade, non pode ficar mirando para outra parte. Certo é que, na intervención laboral, no canto de mediar a favor dos traballadores está a converterse no impulsor de conflitos que cheiran a queimado. Velaí a súa proposta de modificación das concesión de transporte de viaxeiros que nin contentan á parte empresarias nin á sindical. Se non é por incompetencia, aquí hai gato encerrado. Por sorte, veñen de resolver o problema creado ao Servizo 112; iso si, tras preto a noventa días de conflito laboral.
Alarmada, a cidadanía olla para a decisión política da Xunta fronte a pretensión do Grupo Villar Mir de vender as centrais hidroeléctricas, previa segregación da actividade de Ferroatlántica, outorgada en concesión pola súa unión inseparábel á actividade industrial da antiga Carburos Metálicos comprada a prezo de saldo ao Banesto de Mario Conde. Xestión na que move fíos, López Madrid, o xenro “compiyogui”, influinte nos ámbitos do poder institucional madrileño, desde a presidencia de Ferroglobe para dar osíxeno financeiro a malferida construtora Obrascón. Traballadores e veciñanza móvense para asegurar o seu emprego e a dignidade.  

Emprego e dignidade

Te puede interesar