Emprego e cambio climático

A nivel de territorio planetario, emprego e clima son factores que se comportan como vasos comunicantes, ámbolos dous en estado de catástrofe devastadora. Tan é así que “catro de cada seis postos de traballo dependen directamente dos servizos relacionados co ecosistema ou co medio ambiente”, dato achegado por un estudo que nace co rigor científico do cálculo certo, elaborado a xeito de informe no marco institucional da Organización Internacional do Traballo baixo o título de “Perspectivas sociais e de emprego no mundo 2018: Sostibilidade medioambiental con emprego”. Unha seria chamada á responsabilidade política e social.
Abofé que as consecuencias do cataclismo derivado de fenómenos meteorolóxicos extremos, en boa parte causados pola man humana na súa degradación do medio ambiente natural, foron causa da destrución directa de millóns de empregos e, de seguir nesta dinámica, o antes comentado estudo prevé a perda doutros setenta e dous millóns de empregos universais a tempo completo debido só “a tensión pola calor” e moitos máis se ollamos para o conxunto da deriva climática que semella ser cousa menor para o poder representativo ostentado polos gobernos dos estados continentais máis influentes, súbditos do verdadeiro poder real da industria multinacional, que están a demorar, cando non a incumprir directamente, o Acordo de París de 2015, que pedía a posta en marcha urxente de medidas de transición enerxética para limitar o quentamento global. A xeito do simbolismo que representa unha moeda, con dúas facianas opostas que poden verse por un ou polo outro lado; ou do símil da metáfora popular expresada na contraposición de “cara e cruz”; do informe, que pode verse integro na rede de internet na súa versión en inglés, dedúcese a existencia de oportunidades alternativas ao desleixo institucional que no caso español acentúa o desprezo aos pactos internacionais asinados pola demora inconcibíbel na tramitación dunha Lei do Cambio Climático, comprometida porén nunca presentada.  Así, a OIT proba que coas medidas formalmente asumidas no “acordo climático” estas contribuirían a crear máis de vinte millóns de empregos, especialmente no sector eléctrico e na industria relacionada coa utilización de equipos operados con enerxías limpas e renovábeis. Mais topan coa resistencia das corporacións petroleiras e do infranqueable foso dos grupos de presión relacionados con elas.  Precísanse programas de obras públicas “orientados á creación de emprego”  e políticas de protección social para combater o efecto do cambio climático. Aínda estamos a tempo.

Emprego e cambio climático

Te puede interesar