Emigración e natalidade

Demografía é a ciencia que estuda por medio da estatística os diferentes aspectos das colectividades humanas. As migracións da poboación, por iso, son un recorrente e interesante obxecto de estudo para os académicos e profesionais desta materia. Daquela, mira ti por onde, xúntase agora a problemática alarmante do crecente e persistente saldo de poboación vexetativo gravemente negativo informado polo Instituto de Estatística, INE, coa comunidade galega á cabeza dunha clasificación que aquí amosa cifras de dous díxitos; e, no tempo, a mobilización en forma de concentracións en preto a medio cento de concellos, convocada por Vía Galega para pór de manifesto que “a emigración non é pasado; é un problema presente”, que ademais está directamente relacionado coa taxa de baixa natalidade, porque afecta especialmente á mocidade.

A proba da relación directa, neste caso, resulta máis que obvia a partir do método sociolóxico que se emprega para demostrar a veracidade dunha teoría. Para alén de modificacións da conduta que vai relacionada cos tempos actuais e os valores de familia evolucionados socialmente, a causa máis importante da baixísima natalidade no ámbito xeográfico no occidente do planeta é a situación de inseguridade laboral, cando non a lacra do desemprego, os baixos salarios e a precaria situación do mercado de traballo que xoga á contra do necesario e imprescindíbel estado de confianza no futuro, para que no ámbito das parellas conxugais poda abordarse a responsabilidade que implica o ter descendencia. As escasas e nada eficientes medidas adoptadas polas políticas dos gobernos, pouco o nada palían esta tendencia. Véxase o caso galego coa xenérica “Lei de impulso demográfico” e a súa icona do “cheque bebé” sen eficacia.

Porque é imposíbel de neutralizar o efecto da emigración que, na última década, levou fóra do país a unhas duascentas mil persoas, unha terceira parte delas en plena mocidade, xusto na idade de poder procrear. Aldraxante “síntoma principal dunha economía subalterna, que non aproveita as verdadeiras potencialidades de Galiza, e que se limita, na práctica, a fornecer materias primas en lugar de terminar os ciclos produtivos no país”. Lexitima a campaña “Non Emigramos. Expúlsannos” que é un “chamado á acción dos poderes públicos para que recoñezan á emigración galega actual como unha emerxencia”, actuando cos mecanismos que permita pór coto a esta lacra económica e social que, entre outras cousas, é causa de que a cantidade de persoas galegas falecidas dobre ás nacidas.

Emigración e natalidade

Te puede interesar