Efecto paradoxal

Entendemos por efecto paradoxal o que leva en si un paradoxo. Sarcástica definición. E dicir, iso que vén a ser opinión contraria á opinión común, ou opinión que semella contrario ao sentido común, pero que de feito é exacta. Para filósofos e matemáticos sería un enunciado ou razoamento que leva a dúas conclusión contraditorias pero que de ningunha das dúas se pode prescindir. No ámbito da literatura é unha figura retórica que consiste en empregar expresións aparentemente contraditorias. Para o campo político, o tal efecto paradoxal é agardar unha decisión contraria á prevista. 
Botando unha ollada á literatura histórica creada arredor da función paradoxal é fantástico ver a teorización que se ten producido sobre o concepto. Enorme é o número de teoremas e formalizacións dese peculiar efecto. Desde o paradoxo dos números interesantes que amosa que todo número enteiro presenta algunha propiedade singular específica e, polo tanto, o conxunto dos números non interesantes é baldeiro. Pasando pola clásica do ovo ou galiña, coa pregunta de saber cal dos dous foi o primeiro en aparecer; á da viaxe no tempo que nos amosa o dilema creado pola hipótese de supor que pasaría se matásemos ao avó antes de coñecer a avoa e polo tanto romper a cadea de quen se sitúa no razoamento como neto o neta. 
Porén, do longo repertorio coñecido, reparamos dentro dos paradoxos sobre a probabilidade e a estatística no chamado paradoxo dos dous sobres, tamén coñecido como paradoxo do cambio, de interese na teoría da decisión e de certa interpretación da probabilidade. É un enredo de cálculo matemático que resolve a fórmula do seguinte problema: Diante de dous sobres con diñeiro, sabendo que un contén o dobre da cantidade do outro, distribuídos ao azar e resultando indistinguíbeis, sempre se optará polo troque aínda sabendo que a probabilidade de saír beneficiado é só do 50%. 
Se consideramos, tamén, o Paradoxo de Arrow que nos demostra a imposibilidade de contar cos beneficios dun sistema de votación ideal cando existen máis de tres opcións de escolla posíbeis, as formulacións do cálculo aritmético e das teorías abstractas levan a concluír que prosperará a proposta do Goberno Sánchez fronte ao xeral cálculo de fracaso que se aprecia na opinión publicada e nos discursos das forzas alternativas. Se coa matemática non chegase, os señores do Ibex teñen a fórmula maxistral.  

Efecto paradoxal

Te puede interesar