Días de barricada e utopía

ouniverso da memoria social olla para París coa lembranza posta na conmemoración do cincuenta aniversario dunha revolta que se converteu nun grande mito de relevancia política e cultural, deixando pegada nos tempos que aínda corren a día de hoxe; en boa parte espello no que se encadra a secuencia de pequenos incidentes, magnificados por algún medio de prensa, acontecidos na capital francesa coa celebración deste pasado Primeiro de Maio. Porén xa nada pode ser igual. Naquela comuñón das barricadas nas que se discutiu e soñou ou nas mensaxes de utopía creada e voceadas con retranca conformouse a estética dun novo discurso xeracional.
Os fillos universitarios dunha clase media ancorada no acomodo do anos que seguiron á Segunda Guerra Mundial, para alén de rexeitar o incremento das taxas académicas que desencadearon a reacción, afloraron un discurso que expresaba o obxectivo íntimo de cambiar a existencia vital fixado nunha pintada mural: A cultura é o investimento da vida. Tamén sintetizado e ben condensado nese “sexamos realistas, pidamos o imposíbel”, conscientes de non poder mudar as cousas deste mundo represivo que enfrontaron co lema de “prohibido, prohibir” nunha labaza que non só denuncia modos de actuación policial se non que tamén estende acusación ao silencio ou distorsión informativa, especialmente dos medios públicos, para os que tamén dedicaron boa parte da campaña comunicativa propia do movemento, simbolizada no “Prensa. Non consumir”.
A emerxencia dunha mocidade que toma conciencia de si propia, un certo aburguesamento da clase traballadora que, na fase da expansión económica desa década, deixa de sentir o rol da explotación e comeza a entrar psicoloxicamente no mundo da clase media e, polo que afecta aos principios morais, o efecto do concilio Vaticano Segundo que bota abaixo certos prexuízos relixiosos, políticos e culturais, impulsando un cristianismo progresista que mesmo, en certo xeito, é laico. Son factores que producen desconcerto nos sectores de oposición, política e sindical, que ven desafiado o seu papel tradicional polos estudantes, reafirmados en “nós somos o poder”. A posterior suma dos obreiros á causa estudantil, cobrada nun acordo favorábel aos salarios, deulle pulo a un fenómeno que, fiel á teoría de Gramsci, foi unha triunfante “revolución das mentalidades” que abriron paso a unha fonda transformación das normas legais polas que nos anos posteriores viron asumido recoñecemento para dereitos persoais en materias de divorcio, aborto e outros; chamados pola “imaxinación ao poder”.

Días de barricada e utopía

Te puede interesar