Os deuses deberon tolear

Ávista da imaxe que está a ofrecer a campaña das eleccións primarias nos Estados Unidos, marcada pola estrafalaria e polémica figura dos candidatos á procura de encabezar o cartel do Partido Republicano, salvando o perigo que para o mundo pode representar que algún deles remate por presidir o goberno do estado máis poderoso do planeta, leva ao argumento do filme cómico The Gods Must Be Crazy, aquí titulado coma “Os deuses deberon tolear”. Abofé que si. 
Preto a unha ducia de homes parten nesta singular carreira que irá percorrendo, estado a estado, ese inmenso territorio que ten fixada a meta final na convención propagandística que servirá para lanzar a outra campaña, a final que se fará contra o rival do Partido Demócrata. En certo modo estamos na fase de xogar un partidiño entre compañeiros do mesmo equipo a xeito de pachanga. Sen embargo neste país, marcado a lume polo recordo da conquista do Far West que vai no ADN da súa obsesión enfermiza polas armas de fogo, todo é ferozmente competitivo. Sen tregua.
Por iso, enténdese o fenómeno de observar a inclinación da opinión pública, base electoral mobilizada, a favor das proposicións medio psicóticas representadas polo texano Ted Cruz, seica inspiradas en revelacións divinas que veñen a santificar o criterio máis intransixente do montaraz Tea Party ou a cruzada contra os inmigrantes, do magnate Donald Trump, para quen semella que México estaría desenvolvendo unha secreta conquista dos USA, a base de introducir ese tipo de persoas que coñecemos por “lombo mollados”, polo que sería urxente alongar ese muro de cemento que xa separa algún tramo da fronteira á totalidade de todo o Río Bravo.
Ambos os dous marchan na cabeza dun pelotón no que os seguidores non son moito menos agresivos na súas opinións e alternativas. Véxase a modo de exemplo a consideración do sensato Ben Carson quen afirma “poder ter sido evitado o holocausto de permitir que a cidadanía alemá estivese armada” ou que “as pirámide exipcias foron un almacén de grao” tal como afirma a Biblia.
Un circo electoral que irá perdendo, caucu a caucu, competidores ata que só fiquen os dous  que chegarán á final para provocar esa buscada impresión de pugna equilibrada que é capaz de motivar a unha cidadanía pouco dada a participar, ao tempo que facilita a captación de achegas económicas para unha elección da que Deus nos libre do mal maior.   

Os deuses deberon tolear

Te puede interesar